Alertas varias por temporal en toda Galicia con recomendacións importantes a ter en conta

5 minutes read

A Consellería de Sanidade fai unha serie de recomendacións á poboación ante o descenso das temperaturas que se agardan para estes días. Ao respecto, lembra que é necesario tomar as medidas axeitadas para evitar ou reducir o impacto negativo das baixas temperaturas no organismo, especialmente, na poboación máis vulnerable. 

As principais recomendacións para previr os efectos negativos para a saúde por mor das baixas temperaturas son:

Usar roupa abrigada, non apertada e que transpire. Empregar varias capas de roupa lixeiras superpostas en lugar dunha soa de tecido groso.

Prestar especial atención á protección da cabeza, o pescozo, os pés e as mans, porque son as zonas máis sensibles e de maior perda de calor.

·       Empregar roupa de abrigo resistente ao vento e á humidade e calzado impermeable e antiescorregadiza.

·       Procurar permanecer seco, xa que a roupa mollada arrefría o corpo rapidamente.

·       Respirar polo nariz e non pola boca, xa que o aire quéntase ao pasar pola fosas nasais e así diminúe o frío que chega aos pulmóns.

·       Beber líquidos quentes e azucrados, salvo contraindicación médica e evitar as bebidas alcohólicas.

·       Extremar as precaucións no caso de que haxa xeo na rúa para evitar caídas que poden producir fractura de cadeira ou doutros ósos. 

·       En caso de utilizar estufas de leña e de gas ou braseiros de carbón, ventilar a estancia con frecuencia para renovar o aire e evitar a acumulación do monóxido e dióxido de carbono e comprobar o correcto funcionamento das estufas e mantelas afastadas de tecidos ou elementos inflamables, apagalas durante a noite.

·       En caso de ter que realizar un traballo físico baixo o frío, debe facerse con precaución, suavemente, procurando non esgotarse, especialmente se se sofre algunha doenza de tipo cardiorrespiratorio ou hipertensión.

·       Se hai que viaxar, hai que informarse da situación meteorolóxica e do estado das estradas, así como dos puntos de descanso ou refuxio; asegurar o adecuado funcionamento do vehículo (pneumáticos, freos, luces, etc.), de que o depósito estea cheo e de levar cadeas e levar cargada a batería do móbil.

·       Manter o contacto coas persoas consideradas máis vulnerables (chamadas ou visitas) para valorar a súa situación concreta e previr efectos graves das baixas temperaturas.

·       Consultar co persoal sanitario de referencia, co 061 ou o 112 en caso de ser necesario.

Para máis información, na páxina web de calidade do aire, cambio climático e saúde da Dirección Xeral de Saúde Pública (https://airesaude.sergas.gal/)

Queda activa desde a medianoite deste xoves a alerta laranxa por nevaradas en distintas zonas das provincias de Ourense, Lugo e Pontevedra e ademais, amplía a nivel vermello a alerta por temporal costeiro no litoral da Coruña e Pontevedra, mentres que na Mariña lucense manterase a alerta laranxa.

Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Debido á alerta laranxa por neve decretada polos organismos predictores, a Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender as clases e o transporte durante toda a xornada de mañá venres 23 nos centros educativos e nas escolas infantís de toda a provincia de Ourense e das zonas montaña, sur e centro de Lugo e interior de Pontevedra.

Así mesmo, debido a alerta vermella por fenómenos costeiros, no día de mañá quedan suspendidas as actividades no exterior dos centros educativos das zonas noroeste, oeste e suroeste da provincia da Coruña, na Mariña de Lugo e nas zonas de Rías Baixas e Miño na provincia de Pontevedra.

Os concellos afectados polas distintas suspensións poden consultarse no Portal Educativo.

Do mesmo xeito, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes anunciou a suspensión da actividade deportiva federada e as do programa Xogade pola alerta laranxa por neve e tamén a actividade deportiva no mar polo temporal costeiro. Os concellos afectados segundo as previsións dos órganos preditores poden consultarse na web Deporte Galego.

Segundo os organismos predictores,  o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa por nevaradas comezará esta medianoite con acumulacións de ata cinco centímetros en cotas por riba dos 400 metros e ventiscas, mentres que nalgunhas zonas da provincia ourensá prevense acumulacións de ata 20 centímetros, tamén en cotas superiores aos 400 metros.

Canto ao temporal costeiro, agárdanse ventos de forza 10 e ondas de ata nove metros, mentres que a alerta laranxa se mantén na Mariña lucense por ventos de forza oito e ondas de ata oito metros.

Ante as nevaradas, recomendase evitar as viaxes en automóbil sempre que non sexan necesarias e levar sempre o depósito cheo. Tamén se recomenda usar a roupa e calzado axeitado, evitar que persoas maiores saian á rúa e ter a man lanternas e cadeas.

Respecto ao temporal costeiro, a Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Ademais, recomendase que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.