O Concello de Carballo, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, promoveu nas últimas semanas unha serie de itinerarios didácticos centrados na microtoponimia, a disciplina que estuda os nomes de lugares, regos, fontes, penedos ou leiras. As xornadas contaron coa mestría do prestixioso toponimista Fernando Cabeza Quiles, quen guiou o alumnado polas historias agochadas tras os nomes do seu contorno.
A actividade dividiuse en dous percorridos adaptados á contorna de cada centro educativo, e permitiu que os estudantes de Latín comprobasen a pegada da lingua nai na fala actual:
- Ruta do Rego da Balsa (IES Parga Pondal): o alumnado seguiu o curso do Rego da Balsa ata chegar aos Baños Novos. Durante o camiño, Cabeza Quiles explicou nomes ligados á auga e ao pasado balneario, como A Vella Morta (un manancial subterráneo), Riotorto, o Muíño da Pintura ou a Braña da Condesa. Unha viaxe que permitiu ver a evolución urbana de Carballo dende o leito do seu río.
- Ruta das alturas (IES Alfredo Brañas): nesta expedición, o foco estivo no relevo e na xeoloxía. Os estudantes exploraron o significado de termos como O Petón ou A Petoeira (referentes a elevacións rochosas), descubriron a curiosa orixe da Chousa da Besta e do Camiño do Lagarto, e visitaron O Ferradal, coñecido polas súas fontes ricas en ferro. Tamén houbo espazo para a memoria industrial en lugares como A Canteira do Chorís.
O obxectivo desta iniciativa é que a mocidade entenda que a microtoponimia é un patrimonio inmaterial que corre o risco de desaparecer se non se coñece e se utiliza. Fernando Cabeza Quiles destacou o grande interese do alumnado, subliñando que nomes como A Gouvea (un fondal visto dende a altura) ou Vitureira (lugar de voitres) son fósiles lingüísticos que nos falan de como vivían e como vían o mundo os nosos antepasados.
Dende o Concello de Carballo valórase moi positivamente a colaboración dos centros de ensino nestas actividades, que reforzan o vínculo emocional dos novos veciños e veciñas coa súa terra e a súa lingua.