Preto de 55 estudantes de 3º e 4º da ESO visitaron as instalacións de Stolt Sea Farm, a Confraría de Pescadores e o porto pesqueiro de Camariñas no marco do proxecto «Relevo xeracional: o futuro do mar».
O alumnado do centro educativo EFA Fonteboa participou nunha xornada de achegamento ao sector marítimo-pesqueiro en Camariñas, na que preto de 55 estudantes de 3º e 4º da ESO puideron coñecer distintas actividades profesionais vinculadas ao mar, desde a acuicultura ata a pesca e o marisqueo.
A mañá comezou cunha visita á planta de acuicultura de rodaballo de Stolt Sea Farm. O alumnado dividiuse en dous grupos, que foron acompañados por persoal da empresa durante un percorrido polas instalacións. Coñeceron as diferentes fases do cultivo, desde a nursery e o preengorde ata o engorde, así como as características da cría do rodaballo en piscifactoría e algúns datos sobre a produción e comercialización da compañía.
Durante a visita, os estudantes puideron coñecer a dimensión desta actividade acuícola: a planta conta actualmente con arredor de 1.260.000 exemplares de rodaballo e produce unhas 1.200 toneladas anuais.
A segunda parte da xornada desenvolveuse na Confraría de Pescadores de Camariñas, onde Jacqueline, presidenta da agrupación de mariscadoras, explicou o funcionamento da entidade e achegou ao alumnado á actividade marisqueira. Durante a sesión abordáronse cuestións como o establecemento de vedas e tallas mínimas, así como diferentes aspectos relacionados coa xestión dos recursos. A bióloga da confraría tamén participou na visita, achegando información sobre o labor de seguimento e control da actividade e compartindo algunhas curiosidades sobre o funcionamento da poxa do produto pesqueiro na lonxa.
Para rematar, os escolares percorreron o porto pesqueiro de Camariñas, onde puideron observar as distintas embarcacións e conversar sobre as artes de pesca e as actividades que se desenvolven arredor do porto.
A visita contou tamén coa presenza de Guillermo González Díez, xerente do GALP Costa da Morte, grupo de acción local do sector pesqueiro no territorio no que se desenvolveu esta actividade.
A xornada enmárcase no proxecto «Relevo xeracional: o futuro do mar», unha iniciativa de cooperación impulsada conxuntamente polos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia, coordinada polo GALP Ría de Arousa e desenvolvida en colaboración coa Consellería do Mar e co apoio do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).
O proxecto ten como obxectivo achegar o sector marítimo-pesqueiro ás novas xeracións, dar a coñecer a diversidade de profesións e oportunidades laborais que ofrece e contribuír a garantir o seu relevo xeracional. A través de visitas, encontros e experiencias directas nos territorios costeiros, busca que a mocidade descubra a realidade dun sector fundamental para a economía, a cultura e a identidade das comunidades mariñeiras galegas.
