Morre un operario en Ponteareas atrapado baixo unha carretilla elevadora

1 minutes read

Segundo informa o 112 Galicia o suceso tivo lugar sobre as oito da tarde deste martes nunhas instalacións situadas na zona de Penavella, onde o operario foi atopado atrapado baixo a máquina polos seus propios compañeiros de empresa.

Malia a rápida intervención dos equipos de rescate e sanitarios que se desprazaron ata o lugar, non foi posible reanimar a vítima, que xa se atopaba en parada cardiorrespiratoria á súa chegada.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia mobilizou Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros-GES e Protección Civil de Ponteareas, así como patrullas da Garda Civil e da Policía Local.