Alumnado do Colexio Bilingüe Andel comparte xornada de inclusión e convivencia co Espazo de Verán de Un Paso Máis

2 minutes read

O Espazo de Verán «Maís que Deporte» de Un Paso Máis viviu hoxe unha xornada moi especial grazas á visita do alumnado do Colexio Bilingüe Andel, de Alcorcón (Madrid), que participou nunha actividade de convivencia cos nenos e nenas que forman parte deste programa estival.

A iniciativa foi posible grazas á colaboración da Asociación Xuvenil Cyara, unha entidade sen ánimo de lucro con máis de corenta anos de traxectoria, recoñecida polo seu compromiso coa educación en valores, o voluntariado. Entre os seus numerosos méritos destaca o seu labor como entidade mediadora en proxectos de cooperación internacional.

A actividade estivo organizada por Jesús Porres Benavides e contou tamén coa coordinación da ONG Cooperación Internacional, a través do seu técnico de proxectos para Galicia, David Ruiz, facendo posible o encontro entre o alumnado madrileño e os nenos e nenas participantes de Un Paso Máis. Como resultado deste traballo conxunto, desenvolveuse unha divertida e dinámica xornada inclusiva, deseñada e adaptada ás características e necesidades individuais de cada participante.

Durante toda a mañá, os rapaces e rapazas gozaron de diferentes probas, xogos cooperativos e retos nos que a participación, o respecto e o traballo en equipo foron os verdadeiros protagonistas. Cada actividade foi adaptada para garantir que todos e todas puidesen participar en igualdade de condicións, favorecendo unha experiencia enriquecedora tanto para os visitantes como para os usuarios e usuarias do Espazo de Verán.

Toda a xornada desenvolveuse baixo a supervisión e o acompañamento das terapeutas do Centro de Especialidades Isabel García, profesionais responsables da dirección e execución deste programa estival, convertido xa nun recurso esencial para numerosas familias de Carballo e da comarca con fillos e fillas con necesidades específicas de apoio educativo.

Desde Un Paso Máis quixeron expresar o seu máis sincero agradecemento ao alumnado do Colexio Bilingüe Andel, á Asociación Xuvenil Cyara, á ONG Cooperación Internacional, a David Ruiz, a Jesús Porres Benavides e a todas as persoas implicadas por facer posible unha experiencia tan enriquecedora.

A entidade destacou especialmente o entusiasmo, a implicación e a sensibilidade demostradas por estes mozos e mozas, subliñando que iniciativas coma esta constitúen un exemplo do camiño que a sociedade está a percorrer cara a unha inclusión real.

«Máis alá da propia actividade, tamén queda é a esperanza e a ilusión de comprobar que as novas xeracións chegan cunha mirada máis aberta, máis respectuosa e máis comprometida coa diversidade. Son elas as que nos fan confiar en que unha sociedade verdadeiramente inclusiva é posible», sinalan desde a asociación.

Un Paso Máis reafirma así o seu compromiso por seguir creando espazos de encontro onde a diversidade sexa entendida como un valor e onde a convivencia, o respecto e a igualdade de oportunidades deixen de ser un obxectivo para converterse nunha realidade.