A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo este luns desde Carballo o ‘Plan Máis Ensino Público’ para abaratar ás familias a volta ao colexio e mellorar a calidade dun sistema educativo público que, afirmou, o Goberno do PP “está deteriorando”.
Un plan no que se inclúen medidas como a recuperación da gratuidade dos libros de texto e a universalización do servizo de comedores e no que se aposta por incrementar o investimento educativo até acadar o 4% do PIB nesta lexislatura.
Pontón apostou neste punto por incrementar o número de profesores e profesoras, reducir as ratios nas aulas, eliminar burocratización nos centros e implementar programas específicos de apoio para os nenos e nenas con Necesidades Especiais de Apoio (NEAE).
Así o explicou desde Carballo, onde mantivo xunto ao alcalde, Daniel Pérez, unha reunión coa dirección e a ANPA do CEIP Bergantiños, un centro con preto de 550 nenos e nenas ao que a Xunta recortou os recursos para atender ao alumnado con NEAE e no que 37 familias quedaron sen praza de comedor, problemas nos que exemplificou a situación que está a vivir o ensino público en todo o País.
“Estamos falando dun CEIP no que hai moitos nenos e nenas con necesidades educativas especiais e este curso non se inicia con máis medios, senón ao contrario, acaban de recortarlle media AL (Audición e Linguaxe), é dicir, temos un centro que está por riba da media en canto a necesidades educativas especiais e as medidas que adopta a Xunta é reducir apoio a este alumnado, o que é totalmente inadmisible”, denunciou.
Sobre a falta de prazas de comedor -que o rexedor carballés elevou a 90 familias en todo o concello-, a líder nacionalista reprochou á Xunta que non garanta a conciliación ás familias e advertiu que este non é un problema única e exclusivamente de Carballo, senón que se repite tamén ao longo e ancho de toda Galiza.
Unha realidade que mostra os problemas do sistema educativo galego e dos que neste inicio de curso Pontón destacou de maneira especial dous: por unha banda, o impacto económico sobre as familias e, por outra, o deterioro da educación pública por parte do Executivo de Alfonso Rueda.
Respecto ao primeiro, subliñou que as familias enfrontan unha volta ao colexio que supón un gasto moi importante nas súas economías -uns 500 euros de media por neno ou nena-, nun mes ao que xa chegan cunha suba de prezos nos alimentos, nos carburantes, na luz ou na vivenda.
“Ante esta situación, a Xunta está mirando para outro lado e non está tomando as medidas necesarias para que teñamos unha volta ao cole que non sexa unha carga extra para unhas familias que xa teñen que facer malabares para poder chegar a fin de mes”, criticou.
En segundo lugar, a portavoz nacional recriminou ao Goberno do PP que estea deteriorando o ensino público, como o demostra o feito de que Galiza sexa, pro primeira vez na serie histórica, a comunidade que menos inviste por habitante en educación, con tan só 1.095 euros, 200 euros menos que a media estatal, segundo datos da AIReF.
Neste sentido, advertiu que mentres se está deteriorando o ensino público, “a Xunta o que fai é engordar o ensino privado”, con 367 millóns que “van á privada e que non se destinan á pública, a pesar de que hai nenos e nenas con necesidades educativas especiais sen atender ou sen comedor e de que hai problemas importantes que se poderían abordar con estes recursos”, recriminou.
“Isto non pasa por casualidade, é a ideoloxía do Partido Popular, que quere deteriorar o público para beneficiar a privada, faino na sanidade e faino tamén no sistema educativo”, sintetizou logo de defender as propostas do BNG que van xusto na liña contraria, mellorar a educación pública.
Pontón lamentou que non se poida esperar outra cousa dun Goberno do PP no que, ademais, o seu presidente “non está atendendo as súas obrigas”, tal e como demostra hoxe mesmo, onde na vez de estar no Consello da Xunta “no que se teñen que tomar medidas para poder apoiar esas necesidades que teñen os galegos e as galegas, “desatende as súas función e marcha para Madrid a seguir apoiando a axenda e a estratexia ultra do Partido Popular”, reprochou.
“Quero lembrarlle ao señor Rueda que os galegos e as galegas non lle pagan para ir os luns a Madrid a aplaudir a axenda de odio racista do PP, senón que lle pagan para atender as súas necesidades”, recalcou, para indicar a continuación que os veciños e veciñas de Carballo preferirían que o presidente estivese hoxe no Consello da Xunta anunciando que ningún neno ou nena vai quedar sen comedor escolar, na vez de estar atendendo “os requirimentos que lle mandan desde Madrid”.
A líder nacionalista considerou unha mágoa ter a un “presidente desleal con Galiza” que considera máis importante apoiar a estratexia da rúa Génova que estar no Consello tomando medidas que “sexan realmente útiles para a vida dos galegos e das galegas”. “En todo caso, que estea ou non é irrelevante porque isto nos demostra que temos un presidente da Xunta prescindible”, concluíu.
