José Ángel Esmorís Tasende, Angeliño (Coristanco, 4 de xaneiro de 1997), pon fin así a unha etapa de dous anos e medio na Roma, á que chegou en xaneiro de 2024 procedente do RB Leipzig e coa que disputou 80 partidos. O seu contrato co club italiano estendíase ata xuño de 2028.
O lateral esquerdo, de 29 anos, regresa ao club no que se formou. Chegou á canteira deportivista en 2007, con dez anos, procedente da escola Luís Calvo Sanz de Carballo, e saíu sendo xuvenil rumbo ao Manchester City. Desde entón pasou, entre cesións e traspasos, polo New York City, Xirona, Mallorca, NAC Breda, PSV, RB Leipzig -co que conquistou a Copa de Alemaña en 2022 e disputou a liga de Campións-, Hoffenheim e Galatasaray, antes de recalar na Roma.
En canto á operación, trátase dunha cesión con opción de compra non obrigatoria que rolda os dous millóns. O futbolista puxo moito da súa parte para recalar no Deportivo, cumprindo así un dos seus soños, formar parte do primeiro equipo da entidade branquiazul. Algo que agora fará no seu regreso a Primeira División.