O oleirense da A.D. Fogar Andrés Prieto brilla no Campionato do Mundo de Triatlón Sub-23

1 minutes read

Maxistral actuación do oleirense da A.D. Fogar Andrés Prieto López que asinou unha espectacular 16ª posición no Campionato do Mundo de Triatlón Sub-23 celebrado esta fin de semana en Pontevedra. Nunha cita marcada polo altísimo nivel dos competidores, Andrés demostrou estar á altura dos mellores sub 23 do planeta sobre a esixente distancia olímpica de 1,5 km de natación, 40 km de ciclismo e 10 km de carreira a pé. Andrés arrincou ben no río Lérez coa 11ª posición no segmento de natación a escasos 20 segundos do líder provisional, o estadounidense Carter Stuhlmacher.

Tras unha rápida primeira transición, Andrés Prieto atopou o seu oco no segmento ciclista nun combativo grupo perseguidor que remataba enlazando co grupo principal no quilómetro 30, conformando unha numerosa cabeza de carreira de 38 homes. No tramo final de ciclismo Prieto baixou o ritmo e gardou forzas prevendo a batalla final pola victoria. O paso pola segunda transición volveu reflectir a gran concentración do de Oleiros, que calzou as zapatillas e arrincou os 10 quilómetros de carreira a pé a tan só 15 segundos do liderado.

A pesar do asfixiante ritmo imposto na dianteira por homes como o francés Nils Serre, á postre campión do mundo, Prieto espremeuse ao máximo para cruzar a liña de meta nunha máis que meritoria 16ª praza mundial, un top-20 mundial que sabe a fazaña e posiciona ao do Fogar nos postos 64 e 117 dos rankings continental e mundial.