A asociación Íntegro vén de facer balance dun ano especialmente activo e enriquecedor no eido do voluntariado social e ambiental, grazas ao desenvolvemento de tres programas complementarios que puxeron o foco na inclusión, o medio ambiente e a cooperación interxeracional: o proxecto piloto “Da horta á cociña”, o programa xuvenil Reacciona e as accións de voluntariado coa diversidade Recicla-T.
Da horta á cociña: talento e aprendizaxe interxeracional no rural
Durante todo o ano, Íntegro desenvolveu o proxecto “Da horta á cociña”, unha iniciativa pioneira no ámbito rural galego que forma parte do proxecto piloto Talento Interxeracional da Xunta de Galicia, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, cofinanciado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU.
O programa, posto en marcha entre febreiro e outubro, apostou por unir xeracións a través da agricultura, a cociña e a artesanía, implicando a persoas maiores de 55 anos e mozos e mozas menores de 35. O obxectivo foi fomentar a aprendizaxe mutua, reducir o illamento social e ofrecer novas oportunidades de futuro á mocidade do rural, especialmente na Costa da Morte.
O proxecto estruturouse arredor de tres eixos principais:
- Cultivando Sabedoría, centrado na transmisión de técnicas agrícolas tradicionais e ecolóxicas combinadas co uso das novas tecnoloxías.
- Cociñando Xuntos, dedicado á recuperación de receitas tradicionais e á creación dun receitario dixital.
- Tecendo Conexións, enfocado na preservación de técnicas artesanais de tecido e teares.
O presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, destacou que esta experiencia “debe ser un sementeiro de ideas e relacións que fortalezan o rural, demostrando que as xeracións teñen moito que achegarse mutuamente”.
Reacciona: xuventude, reciclaxe e inclusión
Tamén ao longo de 2025, Íntegro desenvolveu o programa Reacciona, unha iniciativa de educación ambiental e inclusión social posta en marcha coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, dirixida a mozos e mozas de entre 16 e 35 anos.
O obxectivo principal foi concienciar sobre a importancia da reciclaxe dos materiais plásticos, promovendo ao mesmo tempo a participación activa de persoas con discapacidade en accións de alto valor social e educativo.
As actividades —realizadas entre xullo e setembro— incluíron visitas didácticas, obradoiros formativos e encontros con proxectos e profesionais da economía circular, como SOGAMA, Aula do Freixo, Aquarium Finisterrae, Aspaneps (proxecto Ártabro Inclusivo), Netcycle, Antonia Studio. Ademais, impartiuse unha charla titulada “SOS Planeta Terra” e un obradoiro Diversiplás, centrado na transformación de plásticos reciclados en novos obxectos.
Voluntariado xuvenil Reciclat: compromiso coa diversidade e o medio ambiente
Paralelamente, a entidade continuou impulsando o seu programa de voluntariado xuvenil coa diversidade “Recicla-T”, no que participaron arredor de 12 persoas voluntarias menores de 30 anos. Estas colaboraron en accións de coidado do medio ambiente e apoio a persoas con discapacidade, principalmente durante os meses de verán.
O obxectivo de Íntegro é consolidar un equipo de voluntariado estable e formado, que participe de forma regular nas actividades da entidade e sirva tamén como espazo de aprendizaxe e sensibilización para a mocidade da Costa da Morte. Ademais, o programa permite identificar perfís novos que poderían incorporarse no futuro ao equipo profesional do Centro de Recursos Íntegro.
As accións levadas a cabo contaron ademais co apoio e o financiamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.
Con estes programas, Íntegro reafirma o seu compromiso co territorio, coa xuventude e coas persoas con discapacidade, apostando por proxectos transformadores que combinan innovación social, sostibilidade e cooperación.
Desde a entidade queremos agradecer o alto grao de participación, implicación e aprendizaxe colectiva acadado ao longo de 2025, consolidando unha rede de colaboración entre entidades, institucións e persoas voluntarias que seguirá medrando nos próximos anos.