Tras a multitudinaria manifestación celebrada o martes 28 de abril en Santiago de Compostela, as Asembleas Abertas do Ensino Público na Costa da Morte queren facer pública a súa satisfacción polo grao de participación e a unidade amosada polo profesorado da comarca.
A sensación entre os docentes que secundaron a folga e acudiron á capital galega é de optimismo. Malia as cifras oficiais, que semellan querer minimizar o impacto, desde as Asembleas sublíñase que a participación foi real, sentida e transversal a todos os colectivos docentes dos centros públicos dependentes da Consellería de Educación. Esta unión de base demostra que o profesorado non se conforma coa «propaganda» dos últimos días anunciada por parte da Consellería e esixe solucións tanxibles que teñan unha repercusión real na mellora do ensino público.
Unha mellora real fronte ás promesas
Desde as Asembleas Abertas da comarca incídese en que a folla de ruta non se detén aquí. «Non podemos permitir que a redución de ratios e a volta ao horario lectivo previos á crise se converta nunha aplicación sine die que nunca chega á realidade das nosas aulas», sinalan desde o colectivo.
As demandas principais céntranse nunha atención á diversidade efectiva e inmediata, proporcionando os especialistas (PT, AL e Orientación) necesarios para que a inclusión non sexa só unha palabra nun papel, como se leva denunciado, por exemplo, no IES Agra de Raíces de Cee ou no CEIP Bergantiños de Carballo. A necesaria rebaixa de horas lectivas en secundaria non pode camuflar un recorte de persoal. «Esiximos que non se repita o erro de Primaria; a rebaixa lectiva debe implicar máis profesorado nos centros, non unha perda de horas de presencialidade que desmantele os apoios e a calidade educativa», afirman.
Ademais, lévase denunciado dende comezos de curso os graves problemas estruturais que sofren os centros da zona, denunciado polo manifesto do profesorado do IES Fernando Blanco de Cee, IES Eduardo Pondal de Ponteceso ou nos centros educativos do municipio de Zas.
Chamamento á comunidade educativa: 6 de maio en Carballo, Cee e Muros
A loita trasládase agora ás vilas da nosa comarca co obxectivo de implicar a toda a sociedade: familias, ANPAS e alumnado. Baixo o lema «A comunidade educativa en loita polo ensino público», convócanse tres mobilizacións para o vindeiro mércores 6 de maio:
CARBALLO: A manifestación partirá ás 19:00 h desde a Praza de Galicia e percorrerá as rúas da vila (Vázquez de Parga, Desiderio Varela…) ata rematar na Praza do Concello.
CEE: A mobilización terá lugar ás 19:00 h, con punto de encontro na Praza 8 de marzo.
MUROS: A mobilización terá lugar ás 19:00 h, con punto de encontro na Praza da Vila.
As Asembleas Abertas fan un chamamento masivo a toda a veciñanza da Costa da Morte para defender un ensino público digno. «Esta non é só unha loita laboral do profesorado, é a loita polo dereito do noso alumnado a recibir unha educación de calidade e con recursos suficientes», conclúen.
A xornada festeiro-reivindicativa descentralizada está convocada por diferentes ANPAS, a federación de ANPAS provincial de A Coruña, FANPO, FAVALMI, FOANPAS, outras federacións de ANPAs comarcais, as propias ANPAS dos centros, as Asembleas Abertas do Ensino Público, sindicatos de profesorado (CIG, CUT, STEG, Solidariedade Obreira e CNT) e estudantado (Fervenza, Erguer e o Sindicato de Estudantes) e outros colectivos como AGOEP e NEG.