As Asembleas do Ensino Público reforzan a mobilización na Costa da Morte

1 minutes read

A xuntanza das Asembleas Abertas do Ensino Público celebrada este mércores no CEIP Bergantiños reuniu a profesorado, familias e outros axentes da comunidade educativa da Costa da Morte, consolidando este espazo como punto de encontro para analizar a situación do ensino público na comarca.

Nesta nova xuntanza, puxéronse enriba da mesa as principais problemáticas que afectan ao sector. As persoas participantes coincidiron en sinalar a persistencia dunha situación marcada pola falta de recursos, a sobrecarga burocrática e as carencias nas infraestruturas educativas.

Durante a asemblea, compartíronse experiencias dos distintos centros da comarca e acordouse seguir traballando de maneira coordinada para visibilizar as demandas do ensino público. Entre as principais reivindicacións destacan a redución das ratios, a dotación de profesorado de apoio especializado, a mellora das instalacións e a necesidade de aliviar a carga lectiva do profesorado.

Así mesmo, a asemblea serviu para avanzar na organización das próximas mobilizacións en defensa do ensino público galego. Neste sentido, fíxose un chamamento á participación na folga do ensino convocada para o vindeiro 28 de abril, así como nas mobilizacións descentralizadas previstas para o mércores 6 de maio ás 19:00 horas en diferentes puntos do país (entre eles, Carballo e Cee).

As Asembleas Abertas do Ensino Público subliñan a importancia de continuar abrindo espazos de debate e participación en cada comarca, co obxectivo de construír unha resposta colectiva que involucre a toda a comunidade educativa: profesorado, alumnado, familias e persoal non docente. Máis información na web <asembleasensino.gal> e no correo <costadamorte@asembleasensino.gal>.

Desde o colectivo insisten en que a situación do ensino público require dunha resposta unitaria e sostida no tempo, e reiteran o seu compromiso coa defensa dun modelo educativo público, galego e de calidade.