As Torres do Allo, dentro da programación cultural do Concello de Zas, organizan o vindeiro 16 de maio unha xornada especial con motivo do Día das Letras Galegas. Baixo o título ‘Pequen@s lector@s, grandes creacións’, a programación céntrase no fomento da lectura e no uso da lingua galega entre a poboación máis nova nun espazo patrimonial de referencia.
A actividade principal será un obradoiro creativo de elaboración de marcapáxinas, dirixido a nenos e nenas de entre 5 e 10 anos, así como a persoas adultas interesadas en participar. Durante o desenvolvemento da actividade, as persoas asistentes poderán deseñar e personalizar os seus propios marcapáxinas mediante distintas técnicas e materiais, nunha proposta que combina expresión artística e achegamento ao mundo do libro en lingua galega.
A xornada complétase cunha oferta cultural que inclúe a exposición temporal ‘Os Riobóo, a saga do Allo’, centrada na historia do pazo desde o século XV, así como visitas guiadas programadas ás 13:00 e ás 17:00 horas. Ademais, estará dispoñible o xogo de pistas ‘O legado de Francisca’, unha actividade orientada ao público familiar que permite coñecer o conxunto patrimonial de maneira participativa.
Todas as actividades programadas teñen carácter gratuíto, se ben requiren inscrición previa debido á limitación de prazas. As persoas interesadas deberán facilitar nome, idade e datos de contacto nos Centros Socioculturais de Zas e Baio, nos números 981 751 398 e 981 718 056 ou a través do correo electrónico info@torresdoallo.gal. Pódese solicitar máis información chamando ao 655 71 67 43 ou en www.torresdoallo.gal.
O alcalde de Zas, Manuel Muíño, sinalou que “esta iniciativa enmárcase na liña de traballo orientada á posta en valor da lingua galega e do patrimonio cultural, mediante propostas que favorecen a participación da cidadanía e a transmisión interxeracional”. Así mesmo, destacou que “as Torres do Allo continúan consolidándose como un espazo de referencia para a dinamización cultural e educativa no ámbito local e comarcal”.