Máis de 70 persoas encheron as Escolas do Xardín Agra de Caldas para asistir á conferencia de Antón Abel Rodríguez Casal, a primeira que ofrece desde a súa xubilación no ano 2022, e que estivo dedicada aos 50 anos da Carta arqueolóxica do partido xudicial de Carballo.
A concelleira de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, foi a encargada de abrir o acto e de presentar unha nova edición das xornadas, que nesta terceira edición están especialmente vinculadas á conmemoración do 190 aniversario da constitución do Concello de Carballo e á posta en valor do patrimonio histórico, arqueolóxico e documental do municipio.
Ángeles Pacoret tivo tamén unha lembranza especial para o investigador e divulgador Cabeza Quiles, habitual das Xornadas Carballo na Memoria desde a súa primeira edición. A concelleira destacou a súa implicación e anunciou que, a partir deste ano, a xornada dedicada á microtoponimia levará o seu nome como recoñecemento á súa traxectoria e á súa contribución ao estudo e á divulgación dos nomes de lugar. A concelleira convidou o público a renderlle unha pequena homenaxe cun aplauso.
O xornalista Xosé Ameixeiras, delegado de La Voz de Galicia en Carballo, foi o encargado de presentar a Antón Abel Rodríguez Casal cunha breve aproximación á súa traxectoria persoal e profesional. Ameixeiras destacou as profundas raíces bergantiñás do conferenciante: nado en Corme, fillo de pai de Oza e nai de Buño, antes de repasar o seu relevante papel como investigador e profesor na Universidade de Santiago de Compostela e a súa contribución durante décadas ao coñecemento da arqueoloxía galega.
A presentación serviu de antesala a unha conferencia que espertou un enorme interese entre as persoas asistentes, tanto polo seu valor histórico e científico como polo gran número de lembranzas, vivencias e anécdotas persoais coas que Rodríguez Casal foi debullando medio século de investigación arqueolóxica.
Rodríguez Casal repasou o proceso de elaboración dun traballo que marcou un fito no coñecemento arqueolóxico da comarca. Explicou como se desenvolvía unha investigación deste tipo hai medio século: primeiro co estudo bibliográfico, documental, cartográfico e da fotografía aérea; despois coa prospección e o traballo directo sobre o territorio; e finalmente co rexistro, procesado e interpretación dos datos.
A conferencia permitiu comprobar tamén ata que punto cambiou a arqueoloxía nestas cinco décadas. Rodríguez Casal contrapuxo aqueles métodos de estudo esencialmente manuais coas ferramentas informáticas das que dispón hoxe a investigación, desde a análise estatística e os sistemas de información xeográfica ata tecnoloxías como o LiDAR, capaces de ofrecer novas perspectivas sobre xacementos coñecidos desde hai décadas.
O investigador detívose especialmente no mundo castrexo e en exemplos próximos como os castros de Oza e Cances, ao tempo que explicou como as novas ferramentas permiten estudar cuestións que van moito máis alá da simple localización dos xacementos: a relación dos castros co relevo, as pendentes e as antigas vías de tránsito, os seus patróns de localización ou mesmo o territorio que podían controlar directamente.
A charla serviu así non só para lembrar a importancia da Carta Arqueolóxica de Bergantiños cincuenta anos despois da súa elaboración, senón tamén para comprobar como un traballo rigoroso de documentación realizado hai décadas continúa sendo unha base imprescindible para a investigación actual, aínda que cambien as técnicas e as interpretacións.
Precisamente esa idea, a permanencia dos datos ben recollidos fronte á evolución do coñecemento, serviu como unha das reflexións finais dunha sesión na que historia, ciencia, memoria persoal e territorio se entrelazaron durante toda a tarde.
A primeira xornada confirma ademais o interese que esperta entre a veciñanza a recuperación e divulgación da historia local. A elevada asistencia, cun público moi diverso en idade, converteu as Escolas do Xardín Agra de Caldas nun espazo de encontro arredor da arqueoloxía e da memoria de Carballo e de Bergantiños.
As Xornadas Carballo na Memoria continuarán ao longo do mes de setembro cun programa que combina conferencias e propostas divulgativas e que este ano incorpora, entre outras novidades, as rutas polo patrimonio invisible, co obxectivo de achegar á cidadanía espazos, historias e elementos do municipio que forman parte da nosa identidade colectiva.
