O BNG leva ao Parlamento galego a redución de profesorado e a necesidade dun comedor no CEIP de Baíñas

2 minutes read

O BNG, a través do deputado Oscar Insua, vén de presentar iniciativas no Parlamento galego nas que pide á Xunta de Galiza que reverta a redución de dous postos docentes no CEIP Baíñas, recuperando a dotación de profesorado existente no curso anterior  e garantindo os recursos necesarios para unha atención educativa adecuada.

O parlamentario nacionalista tamén solicita que se revise a actual organización das unidades de Educación Primaria, evitando, na medida do posible, a agrupación do alumnado de 1º a 4º de Primaria nunha única aula, e garantindo unhas condicións de escolarización adecuadas ás diferentes idades e niveis educativos.

A iniciativa impulsada por Oscar Insua tamén fai pé na necesidade de implantar o servizo de comedor escolar no CEIP Baíñas, estudando con carácter prioritario a súa posta en funcionamento como medida de apoio ás familias, de conciliación e de fortalecemento do propio centro.

O portavoz municipal do BNG de Vimianzo, Benxamín Queiro, manifestou que “é fundamental que a Xunta teña en conta a iniciativa que o deputado Oscar Insua vén de presentar, e restableza as dúas prazas de docentes que se perden neste curso que vai a comezar”.

O voceiro nacionalista insistiu na importancia de poñer en marcha o comedor escolar no colexio de Baíñas. “Hai moitas familias da parroquia de Baíñas que non matriculan aos seus fillos e fillas na escola da localidade porque precisamente non conta con este servizo, que é moi importante para a conciliación familiar”.

O BNG indicou que para o curso 2026/2027, a Consellería de Educación procedeu a reducir a dotación docente deste centro, pasando de seis a catro postos de profesorado. Esta decisión prodúcese nun contexto no que o número de alumnos e alumnas permanece practicamente estable, arredor dos 35 escolares.

A formación nacionalista subliñou que a redución de profesorado ten consecuencias directas sobre a organización das aulas. En Educación Infantil mantense a agrupación dos tres niveis nunha única aula. En Educación Primaria, pola contra, pásase dos tres agrupamentos existentes anteriormente —1º e 2º, 3º e 4º, e 5º e 6º— a unicamente dous: unha aula que agrupa o alumnado de 1º a 4º de Primaria, e outra para 5º e 6º.