Así é o inodoro tecnolóxico de 20 millóns de euros

2 minutes read
  • Iso é o que custou o inodoro que a NASA enviará en setembro á Estación Espacial Internacional.

A Estación Espacial Internacional segue dando voltas a uns 400 quilómetros das nosas cabezas. É o máis avanzado laboratorio fabricado pola humanidade, e o máis caro tamén. Alí se turnan en estancias de meses os astronautas, que son pilotos e científicos pero sobre todo… son humanos. Adóitase falar da comida de astronauta, concentrada ou purificada, pero algunha vez preguntáchesche como van ao baño? Pois parece que é unha materia pendente: se todo vai ben en setembro de 2020 haberá un lanzamento con material para eles, e unha das cousas chama moito a atención. Será un novo inodoro, o máis caro da historia: 23 millóns de dólares custou, uns 20 millóns de euros.

É para tanto? Deixemos que a astronauta italiana Samantha Cristoforetti nos conte nun vídeo “como o fan” agora… Como podemos ver no vídeo, ou imaxinar como é “sentar” sen ter gravidade, pásanselle a un as ganas de ser astronauta… Ao novo inodoro chámano “Universal Waste Management System” (sistema universal de xestión de residuos, en inglés) e leva seis anos en desenvolvemento. Este novo e carísimo inodoro é un compacto cilindro branco que comparte parte da tecnoloxía dos actuais no espazo. Existe unha corrente de aire que xera succión (simulando certa gravidade), un tubo que recolle os ouriños e un sistema que recolle as feces, ademais dun “asento”.

Unha novidade é que ten máis en conta as necesidades das astronautas (mozas). Os dous sistemas independentes de recollida (ouriños e feces) complicáballes a vida máis que a eles para facer todo á vez… e agora será máis sinxelo. Aínda que é mellor do que tiñan os protagonistas das misións Apollo á Lúa: unha bolsa para cada cousa. A reciclaxe é outro factor crave. A auga é un elemento precioso no espazo. Recíclase a auga procedente dos ouriños dos astronautas, pero tamén da súa suor ou mesmo a humidade do alento. Fíltrase e purifica e reutilízase… pero non se facía coas feces a pesar de que son nun 75 por cento auga tamén.

Novo modelo de inodoro da NASA.