A Asociación de Empresarios de Bergantiños – Axober – e Quincemil celebraron no Complexo La Base, en Carballo, a xornada “Portugal: oportunidades para empresas galegas”que reuniu cerca de 80 empresas de diferentes sectores da comarca de Bergantiños e da contorna.
O evento centrouse, a través das intervencións de distintos expertos, nas posibilidades de expansión empresarial cara o mercado portugués ademais de ofrecer ás persoas asistentes información de interese e asesoramento especializado da man de profesionais cunha ampla experiencia no ámbito fiscal, legal e estratéxico.
Diego Iglesias, Presidente de Axober; Julio Vila Pérez, CEO do Grupo Vila Castro; e Pablo Grandío, Director de Quincemil; encargáronse de abrir a xornada. Os tres destacaron a importancia de crear este tipo de espazos cos que se pretende crear colaboracións empresariais e atopar novas oportunidades de negocio.
No primeiro bloque da xornada abordáronse cuestións clave como o potencial de Portugal como destino empresarial, a planificación fiscal, os trámites legais e os aspectos bancarios necesarios para operar no país veciño. Logo, no segundo bloque da xornada, analizáronse as ferramentas existente de protección e apoio empresarial.
A xornada rematou cunha comida na que houbo un espazo para o encontro entre as persoas participantes no que puideron intercambiar experiencias, crear contactos e explorar posibles vías de colaboración.
Diego Iglesias, Presidente de Axober, valora positivamente esta iniciativa que segundo indica “responden ao crecente interese do tecido empresarial por abrir novos mercados”. Ao mesmo tempo, este tipo de encontros reafirman o compromiso de AXOBER de seguir promovendo accións que impulsen o desenvolvemento económico da comarca.