No mediodía deste venres, 6 de marzo, destapouse a incógnita. Xa se coñece o cartaz de O Son do Camiño para este ano.
O Monte do Gozo acollerá unha nova edición deste festival entre os días 18 e 20 de xuño con opcións musicais para todos os gustos, entre as que destacan o vocalista de Oasis, Liam Gallagher, ou os sons máis comerciais da actualidade da man de Jason Derulo e no capítulo do trap e reguetón con Bad Bunny.
Completarán o menú nomes da talla de The National, The Chemical Brothers, Dj Snake ou Daddy Yankee entre outros. Serán 39 as actuacións de renome internacional, con 7 destas en Galicia por primeira vez. Tamén haberá oco para artistas galegos, da talla de Xoel López, Killer Barbies ou Budiño.
As entradas están á venda dende o martes 10 de marzo ás 14:00 horas a través da plataforma Eventbrite, con prezos a partir dos 59 euros.
