Tras a recente presentación do cartel deseñado pola artista local Isa Bermúdez, chega a primeira gran confirmación musical para o San Xoán deste ano: Baiuca. O proxecto liderado por Alejandro Guillán, que revolucionou a escena musical ao fusionar a música tradicional galega coa electrónica de vangarda, será o encargado de poñer banda sonora á noite do 24 de xuño.
Baiuca chega a Carballo no cumio da súa carreira. En tan só un lustro, o produtor galego conseguiu levar o folclore da nosa terra por todo o mundo, xirando por países como México, Marrocos, Reino Unido ou os Países Baixos. O concerto en Carballo será unha das paradas destacadas da xira de despedida do seu aclamado álbum Barullo, un traballo que consolidou a súa posición como un referente da mestizaxe musical tanto dentro como fóra de España.
O público de Carballo poderá gozar dun dos directos máis rompedores e potentes do circuíto actual. No escenario, Guillán non estará só; o formato de banda inclúe a algúns dos músicos máis prestixiosos da música tradicional: Xosé Lois Romero nas percusións tradicionais; as cantareiras e pandeireteiras Alejandra e Andrea Montero (Lilaina, Aliboria); a voz de Antía Muíño, revelación da nova canción galega, e o imaxinario visual do cineasta Adrián Canoura, que proxectará en directo a estética experimental que define a identidade de Baiuca.
A confirmación de Baiuca supón un salto de calidade para o programa festivo de Carballo. O artista vén de vender preto de 30.000 entradas nos últimos 12 meses coa súa xira de salas e de publicar a comezos de 2026 o seu traballo máis clubber, Barullo Remixes. Tras este concerto e o remate da tempada de festivais, o artista ten previsto retirarse para preparar o que será o seu cuarto álbum de estudio.
Con esta primeira confirmación, o San Xoán de Carballo reafirma a súa aposta por unha programación que conxuga a identidade galega coa modernidade, atraendo a un público diverso e interxeracional.
