A xerente da sociedade pública “Suelo Empresarial del Atlántico” (SEA), Beatriz Sestayo, visitou este luns as novas instalacións que a empresa “Vicente Suárez” situou no parque empresarial da Laracha, desde o que prevé distribuír máis de 30.000 toneladas de sal industrial e doméstica ao ano. A compañía, unha das principais distribuidoras de sal da Península e do norte de Portugal, adquiriu en 2021 máis de 7.000 metros cadrados do polígono a “SEA” para trasladar e ampliar as súas actuais instalacións na provincia. De man dos responsables da compañía, a xerente de “SEA” puido coñecer a nova planta, que conta cunha nave principal de 900 metros cadrados e un silo de 1.400 m2, aos que prevén engadir, proximamente, outro novo espazo de 1.300 m2. A xerente de “SEA”, Beatriz Sestayo, agradeceu a información que ofreceu a empresa sobre a súa actividade e a súa elección do parque empresarial da Laracha, un dos 13 cos que conta a sociedade en Galicia. Manuel Ferreiro, representante da empresa, destacou, especialmente, as condicións óptimas das parcelas e a súa excelente localización para o transporte e a loxística, pola súa proximidade ao porto exterior da Coruña e á AP-9.
0