Benvida en Carballo ao novo alumnado en prácticas da Garda Civil

2 minutes read

A subdelegada do Gobierno na Coruña, María Rivas, desprazouse na mañá deste mércores ao cuartel da Garda Civil de Carballo, xunto con Fernando Pedreira Lata, Coronel xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña, e o alcalde, Evencio Ferrero, para dar a benvida aos 55 novos alumnos e alumnas en prácticas que se incorporan desde hoxe a distintos postos da provincia, nos que pasarán preto de un ano, tras completar a súa formación na academia.

No caso da compañía de Carballo, incorpóranse 13 efectivos en prácticas: 8 no propio cuartel carballés, 3 no posto de Corcubión, 1 na Laracha e 1 en Camariñas. O resto do persoal distribúese entre as compañías da Coruña (15), Ferrol (4), Santiago (12) e Noia (11).

Durante o acto, Rivas destacou que esta nova incorporación supón “un reforzo importante para o territorio e unha mostra do compromiso real do Gobierno de España coa seguridade, a cohesión territorial e a defensa do medio rural”.

A subdelegada animou ao novo persoal a vivir esta etapa con implicación e responsabilidade, sinalando que “hoxe iniciades unha etapa fundamental, non só para completar a vosa formación, senón tamén para comezar a vivir de primeira man o que significa o servizo público en Galicia, unha terra con carácter e con alma”.

Rivas puxo tamén en valor a diversidade do territorio ao que se incorporan. “Chegades a unha provincia que combina costa e interior, zonas urbanas e un contorno rural cheo de vida”, dixo, antes de destacar as características do propio municipio de Carballo, ao que definiu como “un municipio dinámico, con forte identidade propia, cruzamento de camiños e cabeceira de comarca, onde tradición e modernidade conviven”.

A subdelegada subliñou que cada membro do corpo será parte activa da resposta aos desafíos actuais en materia de seguridade cidadá, desde a protección do medio natural e marítimo ata a loita contra a violencia de xénero ou os delitos informáticos. “Cada actuación contará. Cada decisión terá un impacto. E cada xornada será unha oportunidade para crecer e contribuír ao ben común”, asegurou.

A subdelegada animou ao alumnado en prácticas a aproveitar ao máximo esta etapa, non só para adquirir coñecementos técnicos, senón tamén para interiorizar os valores que definen á Garda Civil. “Observade, preguntade, escoitade e participade”, insistiu Rivas, lembrando que “aquí ides aprender non só procedementos, senón tamén o que significa formar parte dun Corpo que simboliza o servizo público, a integridade e a lealdade”.

Por último, Rivas quixo recoñecer o traballo do persoal veterano que acompañará aos alumnos e alumnas nesta etapa de prácticas. “Vides aprender de profesionais que levan anos servindo con entrega, vocación e responsabilidade”.