BioSaúde regresa esta fin de semana a Carballo, será no 2º andar do Mercado Municipal

3 minutes read

O Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo celebra esta fin de semana, 9 e 10 de maio, a segunda edición de BioSaúde, unha feira que converterá Carballo nun punto de encontro arredor da saúde, o benestar e o respecto polo medio ambiente.

Ante a previsión de climatoloxía adversa toda a fin de semana, BioSaúde celebrarase no 2º andar do Mercado Municipal.

A iniciativa consolídase como un espazo pensado para promover hábitos de vida saudables, o consumo responsable e a conciencia ambiental, ao tempo que contribúe á dinamización do comercio local.

Durante as dúas xornadas, o público poderá visitar os postos de 17 expositores, na súa maioría de proximidade, pertencentes a sectores como a alimentación natural, a cosmética ecolóxica, a moda sostible, a artesanía, as terapias alternativas ou os produtos de limpeza respectuosos co medio ambiente, ademais dunha coffee truck.

A programación paralela inclúe unha ampla variedade de charlas, talleres e actividades participativas. O sábado pola mañá, ás 11.00 horas, arrincará con Pilar Recarey Regueira (Sentires), que ofrecerá unha introdución á meditación na Sala Cervantes do Mercado Municipal, seguida dunha clase de ioga Vinyasa flow impartida por Xiaohong Xu (ás 12.00h). A continuación, Zoila Cortizas e Sonia Calvo (Studio ZCV) abordarán o coidado consciente da pel (ás 13.00h), mentres que Toni Varela (OneSurfAcademy) desenvolverá un taller práctico sobre surf (ás 13.00h). A mañá completarase cunha cata de viños naturais guiada por Ana Vázquez (Adega O’Lagar), ás 14.00h. Ademais, haberá un punto informativo de upa! Espazo Barefoot, coordinado por Tamara Remuiñán para resolver todas as dúbidas e informar sobre unha nova forma de camiñar máis natural e saudable. 

Xa pola tarde, Ana Gómez (Terpenic) impartirá unha charla sobre aceites esenciais e benestar (ás 17.00h), mentres que Beatriz Lema (Escola Galega do Benestar) afondará nos piares dunha vida saudable e sostible (ás 18.00h).  Pola súa banda, María Arias (Zolás) dirixirá un obradoiro de papel maché para público a partir de 8 anos (de 18 a 20h).

O domingo continuará a programación con Lidia Troitiño (Dietista PNI especializada en saúde integrativa), que ofrecerá unha charla centrada na comprensión do corpo máis alá da dieta (ás 11.00h). A continuación, Ana Rodríguez, Ángeles Barallobre e Elisa López, consultoras de Mary Kay, desenvolverán unha sesión sobre cosmética natural para pel madura e maquillaxe en procesos oncolóxicos (ás 12.00h). Como peche, Ana Vázquez (Adega O’Lagar) protagonizará unha cata de vermú ecolóxico acompañada dunha degustación de callos elaborados polo Restaurante Albaroque (ás 13.00h).

V Pequefeira

A xornada dominical incluirá tamén a V Pequefeira, unha actividade xa consolidada que permitirá aos máis pequenos e pequenas experimentar o papel de comerciantes ofrecendo produtos artesanais e reciclados, fomentando valores como a creatividade e o espírito emprendedor.

Durante toda a fin de semana, as persoas que realicen compras poderán participar no sorteo dunha cesta de produtos BioSaúde e cinco cheques de 20 euros para gastar nos comercios do CCA, depositando as súas papeletas no stand informativo. O sorteo celebrarase o domingo ao remate da feira e será retransmitido en directo a través do Instagram da asociación.

A organización recomenda realizar inscrición previa nas actividades a través do correo info@ccacarballo.com, aínda que tamén se permitirá o acceso libre en función da capacidade.

BioSaúde conta coa colaboración da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e do Concello de Carballo, así como co apoio de distintos servizos municipais.

Expositores participantes

Adega O’Lagar; Aloe Herboristería; Aloe Estética; Anxaima Tiempo para quererte; Asociación Íntegro (só o domingo 10); AZUE Vida Natural; A Despensa que pensa; Enagic Agua Kangen; Lácteos Ameixenda; MadeixaLazos; Mary Kay; Mel e Licores Codesal; Refugallo Zero; Ritello Coruña; Sentires; Studio ZCV e Zuccaro.

O CCA convida á cidadanía a achegarse esta fin de semana a BioSaúde e descubrir unha proposta que combina información, aprendizaxe e lecer arredor dunha vida máis saudable e sostible.