Cabana | O Castro Animado regresa o próximo sábado a Borneiro con varias actividades culturais

Cedida

  • Recreacións castrexas, música, galas circenses e espectáculos de acrobacias serán os grandes atractivos no castro de Borneiro a partir das 18.00 horas.

O Concello de Cabana organiza unha nova edición da popular celebración do Castro Animado, que terá lugar o próximo sábado en Borneiro. Os castrexos e as castrexas volverán poboar Borneiro coas tradicionais recreacións castrexas e cos obradoiros castrexos da man da Asociación Cultural Lungdunum. Ademais, as persoas asistentes tamén poderán gozar de visitas animadas da man do ‘Castrexo Borneiro’ Yago Espasandín.

A banda de gaitas ‘O Son do Castro’ será a encargada de amenizar a tarde coa súa música e. a partir das 20.00 horas, dará comezo ‘Forzu2’, o espectáculo circense e de acrobacias aéreas ofrecido por Circo Chosco.

O concerto de Carapaus, ás 21.00 horas, poñeralle o punto e final a unha xornada que tamén contará cun posto solidario de AECC Cabana de Bergantiños..

Desde o goberno local destacan a súa «ledicia por poder retomar con total normalidade un dos eventos máis arraigados no noso municipio» e agardan que «todo o mundo que asista poida achegarse dun xeito lúdico ao noso pasado castrexo».