A Deputación da Coruña financia con 100.000 euros a compra de cinco vehículos destinados a facilitar os desprazamentos diarios das traballadoras e traballadores dos Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e os servizos sociais nos concellos de Camariñas, Cariño, Fisterra, Muros e Sobrado. A concesión definitiva destas axudas publicábase este luns no Boletín Oficial da Provincia.
Estes son os concellos que obtiveron maior puntuación en función das bases da convocatoria e súmanse a outros vinte que xa obtiveron as axudas para a compra vehículos en anos anteriores. En total, 25 municipios coruñeses contan cun vehículo da Deputación para os desprazamentos das traballadoras do SAF.
Esta liña de axudas foi creada tras a rolda de reunións que o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a deputada de Política Social, Mar García Vidal, realizaron con traballadoras dos servizos de axuda no fogar nas distintas comarcas da provincia. Unha das demandas deste persoal era poder dispor de vehículos municipais para os seus desprazamentos, xa que con frecuencia se ven na obriga de usar os seus coches particulares nun traballo que esixe un elevado número de desprazamentos diarios para atender as persoas maiores nos seus domicilios. Un problema que ten especial incidencia nos concellos rurais, onde hai maior dispersión da poboación.
«Con estes, serán xa vinte e cinco os concellos da provincia que dispoñen dun vehículo para os desprazamentos das traballadoras de axuda a domicilio, que desenvolven un traballo fundamental nos concellos da provincia e merecen este apoio. A nosa idea é seguir ampliando este número en cada convocatoria para axudar a resolver o problema que nos trasladaron as propias coidadoras en distintas reunións», explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.
Os concellos da provincia que dispoñen dun vehículo para desprazamentos do SAF financiado pola Deputación da Coruña son As Pontes, As Somozas, Aranga, Camariñas, Cariño, Carnota, Fisterra, Irixoa, Mañón, Muros, Ortigueira, Outes, Tordoia, Oza-Cesuras, Cabanas, A Baña, Mesía, Dodro, Coirós, Boimorto, Paderne, Dumbría, Santiso, Sobrado e Toques.