Cambio de titularidade a prol do Concello de Carballo dos treitos da estrada AC-414, en Cances e Xoane

1 minutes read

O Diario Oficial de Galicia recollía este venres o acordo asinado o 2 de xullo de 2025 entre a Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello de Carballo, co compromiso do concello de asumir a titularidade destos dous treitos da estrada autonómica.

Correspóndelle ao Concello de Carballo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía transferida, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

A estrada convencional AC-414, con categoría funcional de rede local, discorre atravesando solo clasificado como solo rústico, solo urbanizable e solo de núcleo rural. Os treitos susceptibles de transferencia sitúanse entre os quilómetros 0,4 e 2,6 e entre os 3,2 e 5,7, comprendendo practicamente a totalidade da vía, a excepción do treito situado entre as glorietas do enlace coa AG-55, quilómetro 0 a 0,4.

Coa formalización desta transferencia, os treitos da AC-414 que permanezan baixo titularidade autonómica, de reducida lonxitude, quedarían vinculados á AG-55 (enlace de Carballo Norte) ou ás interseccións en «T» coa AC-418. En consecuencia, a clave AC-414 eliminaríase do Catálogo da Rede autonómica de estradas de Galicia (RAEG).

Por outro lado, a estrada AC-418 constitúe a alternativa viaria que ofrece un nivel de servizo superior ao uso dos treitos do antigo trazado da AC-414, evitando así o paso polos núcleos de poboación de Cances Grande e Xoane da Estrada.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formula a proposta favorable á transferencia de titularidade dos treitos que se definen.