Carballo | A campaña Presume de xardíns chega ao seu fin


Este ano o Concello premia o traballo dos nenos e nenas na decoración das cabazas, unha iniciativa que trata de fomentar dende a infancia o respecto e o coidado das zonas verdes e os espazos públicos. Foron 215 en total, e están todos/as convidados/as a unha celebración moi familiar este sábado, a partir das 11.00 horas, no mercado municipal.

Para que a rapazada poida seguir coidando a natureza, cada un/ha dos/as participantes será agasallado/a cun exemplar de prímula ou primavera, una planta que poderán conservar durante moito tempo nas súas casas se a coidan ben. Por iso, con cada maceta recibirán un folleto de instrucións sobre as condicións óptimas para esta planta con flores de cores moi intensas. E ademais, todos e todas poderán degustar un chocolate Mariño ben quentiño con pan de ovo da Brea.

Os nenos e nenas, as súas familias e o profesorado do CEIP Xesús San Luís Romero, que converteu a iniciativa nunha actividade educativa máis e sumouse á iniciativa con ducias de cabazas, serán recibidos/as polo alcalde, Evencio Ferrero, na planta alta do mercado, onde haberá ambientación musical durante a chocolatada e o reparto de plantas.

Se aínda non tiveches a ocasión de ver as cabazas decoradas pola rapazada, animámoste a que fagas un percorrido polas zonas verdes da rúa Eduardo Pondal, rúa Campo da Feira,  Parque do Anllóns e Parque do Chorís.