Carballo acollerá os días 12 e 13 de xullo un curso de verán sobre a lingua

1 minutes read

Trátase dunha iniciativa na que veñen colaborando desde hai anos o Concello e a Universidade da Coruña e que supón unha “manifestación clara da necesidade que compartiamos de normalizar o uso do galego en todos os ámbitos e de dotarnos de ferramentas para que ese uso da nosa lingua avance, neste caso no ámbito do lecer”. As palabras son de Carlos Aymerich, secretario xeral da UDC, que estivo este luns na casa do concello xunto co director do curso; Xosé Manuel Sánchez Rei; a concelleira de Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, e o alcalde, Evencio Ferrero, para presentar o programa.

O prazo de matrícula para o curso de verán Traballando en lingua no lecer está aberto até o día 6 de xullo, e aínda quedan prazas disponibles. Hai diferentes modalidades de matrícula:

  • para membros da comunidade da UDC, alumnado doutras universidades, persoas desempregadas ou pensionistas terá un importe de 30 euros
  • a inscrición xeral será de 50 euros
  • haberá tamén catro bolsas con matrícula gratuíta

O curso vai destinado a persoas que traballan ou que están interesadas no proceso de normalización da lingua galega, especialmente técnicos/as de normalización lingüística, docentes, dinamizadoras/es socioculturais, estudantes, membros de asociacións, de empresas de dinamización social, lingüística ou cultural, técnicas/os de cultura, animadoras/es, etc.