Por causas alleas á organización, esta emitiu un comunicado informando de verse na obriga de adiar a presentación da campaña “X Solidario” declaración da renda 2023, prevista para este venres 31 na praza do Concello de Carballo. O evento trasladarase ao venres 21 de abril, ás 12.00 horas. O día anterior (xoves 20) procederase á instalación dunha mesa informativa diante da Casa do Concello para dar a coñecer o evento á veciñanza e repartir folletos divulgativos sobre a campaña deste ano.
O acto, organizado pola asociación Íntegro e a Asociación Pro Enfermos Mentales (APEM) de Carballo en colaboración con Afaber Alzheimer Bergantiños, a Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro en Carballo e o Concello de Carballo, consistirá na lectura dun manifesto e na creación dun “X” humano, como xesto simbólico e solidario para lembrar á veciñanza a importancia de marcar a recadro 106 ” Actividades de Interese Social” na declaración da renda. Así mesmo, está prevista a participación de representantes de Cruz Vermella Local e da residencia Domus Vi Carballo.