Carballo clausura as actividades dirixidas da área de deportes na piscina e no complexo deportivo Vila de Noia

2 minutes read

O Concello de Carballo celebra esta semana as xornadas de clausura das actividades dirixidas da área de deportes na piscina e no complexo deportivo Vila de Noia. O curso 2025/2026 remata xusto antes das festas do San Xoán cun éxito absoluto de participación, con máis de 1.700 persoas inscritas nas diferentes modalidades.

Nestas xornadas de clausura, o alcalde, Daniel Pérez, e o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, achegáronse ata as instalacións para compartir este momento co alumnado, e puideron comprobar de primeira man o traballo e a evolución dos participantes na escola de natación infantil ou en aquagym.

A escola para nenos e nenas de 4 a 12 anos volve ser o principal motor do programa, con máis de 600 participantes. Nos últimos días están a recibir na propia piscina os diplomas individuais que acreditan o nivel acadado tras as 35 sesións semanais impartidas desde o pasado mes de setembro.

O programa municipal, que se compatibiliza de luns a venres co uso libre das instalacións e coas entidades deportivas, destaca pola súa gran variedade transxeracional. Xunto á histórica escola infantil, que cumpre xa 38 anos de traxectoria, o Concello recuperou este ano a natación para bebés. A oferta acuática e física complétase con disciplinas como o aquagym, a natación terapéutica ou os cursos para adultos.

Ademais, a ximnasia e o exercicio físico adaptado para maiores revalidaron tamén un apoio masivo, con máis de 700 persoas no conxunto do concello. A principal novidade do programa promovido polas concellarías de Deportes e Terceira Idade foi, este ano, a incorporación de Aldemunde á longa listaxe de parroquias participantes.

Para todas aquelas persoas interesadas en coñecer os prazos de inscrición ou recibir máis detalles sobre a futura oferta físico-deportiva do Concello de Carballo, a área de Deportes mantén abertas as súas canles de atención a través do correo electrónico carballodeporte@carballo.gal, o teléfono 981 702 109 ou de xeito presencial nas oficinas de Carballo Deporte, na rúa Vila de Corcubión.