Carballo convida a participar nun “ensaio fotográfico” para descubrir os mellores lugares para ver o eclipse de agosto

1 minutes read

O Concello de Carballo convida a toda a veciñanza a participar nun “ensaio fotográfico” colectivo os días 29 e 30 de abril. O obxectivo é localizar os mellores puntos de observación do sol de cara ao eclipse solar do 12 de agosto.

A proposta é que calquera persoa, cun móbil e desde calquera punto do municipio, faga unha fotografía do solpor exactamente ás 20:28 horas.

Por que nesas datas?

Aínda que a posición do sol varía lixeiramente cada día, o comportamento do astro nestas datas de finais de abril garda unha gran similitude co que veremos en agosto. Participar nestes dous días permitirá:

  • Descubrir novos miradoiros: evitar que todo o mundo se concentre nos mesmos lugares o 12 de agosto.
  • Comprobar obstáculos: saber desde que rúas, prazas ou montes se ve o sol limpo antes de que se oculte.
  • Crear un mapa visual: o Concello recompilará as imaxes para crear unha guía de puntos recomendados.

Como participar?

É moi sinxelo: só hai que situarse nun lugar con boa visibilidade, facer a foto ás 20:28 h e compartila nas redes sociais mencionando ao Concello ou enviándoa por mensaxe privada, indicando o lugar exacto desde onde foi tomada. Se o prefires, podes envialas por mail a comunicacion@carballo.gal.

Non fai falta equipo profesional, abonda a cámara dun móbil. Quérese que a xente se sinta parte do descubrimento do propio mapa solar municipal.