Carballo e A Laracha acollerán o Atlantic Paracycling Challenge, unha proba internacional de ciclismo adaptado

2 minutes read

O deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, participou na Laracha na presentación do Atlantic Paracycling Challenge, unha competición internacional de ciclismo adaptado que se celebrará os días 27 e 28 de xuño e que converterá A Laracha e Carballo nun dos grandes focos do paraciclismo europeo.

No acto participaron tamén o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, a concelleira de Deportes da localidade, Patricia Bello, a concelleira Inés Ramos e representantes do Club Ciclista Riazor, entidade organizadora da proba.

Antonio Leira destacou que o apoio da Deputación a esta competición «responde a unha maneira de entender o deporte como forma de inclusión, superación e igualdade de oportunidades». O deputado subliñou que «o paraciclismo é deporte de máximo nivel, pero tamén é unha mensaxe moi potente para a sociedade: a de que o esforzo, o talento e a capacidade competitiva non entenden de barreiras».

Leira puxo en valor o traballo da organización, que conta xa con 50 atletas inscritos de numerosas nacionalidades, e a colaboración dos concellos da Laracha e Carballo para facer posible unha cita que «sitúa a provincia da Coruña no calendario internacional do ciclismo adaptado» e que contribúe tamén á promoción do territorio a través do deporte. «

O Atlantic Paracycling Challenge está recoñecido como proba de Clase 1 e será puntuable para o ranking internacional. A competición reunirá deportistas nas modalidades de handbike, triciclo, tándem e bicicleta, tanto masculinas como femininas.

A actividade comezará oficialmente o venres 26 de xuño coa confirmación de inscricións, a recollida de dorsais e a reunión técnica no Tempo Training & Social Center da Laracha. O sábado 27 disputarase a proba en ruta nun circuíto de 8,23 quilómetros na Laracha, con saídas diferenciadas por categorías. O domingo 28 celebrarase a contrarreloxo individual, con saída neutralizada desde a praza do Concello da Laracha e competición en Carballo, antes da entrega final de premios na Laracha.