O 15 de setembro comezará o período voluntario para aboar os recibos correspondentes aos impostos sobre bens inmobles (IBI) e actividades económicas (IAE) e á taxa pola recollida de lixo comercial. Dende o Concello de Carballo téñense remitido aos domicilios un total de 20.510 cartas informativas, 8.280 con información para as persoas que teñen os recibos domiciliados e 12.230 cos recibos de pago para o resto dos/as contribuíntes, que deberán presentalos para poder realizar o pagamento nas oficinas da recadación municipal.
Os padróns foron publicados este luns no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e poderán consultarse durante un mes nas oficinas do Servizo de Xestión Tributaria (4º andar da casa do concello) para solucionar posibles erros. Corresponden aos seguintes tributos:
Imposto sobre bens inmobles de características especiais. Imposto sobre bens inmobles urbanos. Imposto sobre bens inmobles rústicos. Imposto sobre actividades económicas. Taxa pola prestación do servizo de recollida de lixo na modalidade comercial.
O período voluntario de cobranza dos ditos recibos abranguerá desde o día 15 de setembro do 2022 ata o día 21 de novembro do 2022, incluídos.