Carballo | Prosegue a loita das traballadoras do SAF por un convenio digno


As traballadoras do SAF afrontan a terceira semana en folga indefinida por un convenio digno, dando un exemplo de capacidade de loita e resistencia. Un día máis, as traballadoras desenvolveron unha intensa xornada de mobilizacións para visibilizar a súa loita e explicar as súas reivindicacións en demanda dunhas condicións laborais e salariais xustas e por un servizo de axuda no fogar de calidade. Rexeitan o preacordo asinado por CCOO e UGT porque contempla subas salariais por debaixo do IPC, introduce unha dobre escala salarial que suporá unha discriminación en función do concello no que se traballe e aboca ás traballadoras á precariedade e a pobreza. Este xoves, día de mercado en Carballo, percorreron varias rúas da vila e tamén reclamaron estas melloras dos seus dereitos fronte á entrada principal da Casa do Concello.

Por outra banda, segue o incendio laboral en Inditex: os traballadores de todas as cadeas do grupo da provincia da Coruña piden “unhas condicións sociais e salariais dignas”, polo que irán a folga o próximo 24 e 25 de novembro, no marco comercial do Black Friday, tal e como confirman desde a Confederación Intersindical Galega (CIG).