Casadelas morre de pena

2 minutes read

Posiblemente moita xente, mesmo do propio Concello, non saiba nin onde se atopa situado xeograficamente Casadelas, eu mesmo debo recoñecer que logo de máis de 15 anos por estes lugares da Costa da Morte, non o sabía. Pero a verdade, vale a pena coñecelo, máis que nada pola tranquilidade e a hospitalidade que ofrecen as súas xentes. Tamén pola súa situación xeográfica, libre de ruídos, fumes, gases, tráfico, etc.

Para situarnos, Casadelas pertence á parroquia de Noicela, Concello de Carballo, é o primeiro lugar situado na recta que une a estrada de Carballo a Caión coa praia de Baldaio, ben podería ser unha desas aldeas chamadas a reconverterse en «aldea modelo». Ten río, ultramarinos e dous bares.

Pero con todo iso, Casadelas morre de pena. No que levamos de mes de setembro dúas persoas máis deixaron Casadelas para sempre. «Pura» faleceu o pasado día 1 de setembro, tras unha enfermidade de poucas semanas, o banco onde sentaba Pura, á beira do cruceiro está triste, igual que os seus veciños, a casa número 7 quedouse baleira. Por se fose pouco, «María», a alegría de Casadelas, tamén nos deixaba para sempre, falecía o día 8, día dos Milagros, a casa número 10 tamén se quedou baleira. O banco onde sentaba María está un pouco máis accesible, pero pronto estará como o de Pura, só, abandonado e triste.


Casadelas tivo talleres de carpintería, salón de baile, almacén de viños, de pensos e máis de 70 veciños ata 1.990, con todas as vivendas (20) practicamente habitadas. A día de hoxe, Casadelas non chega aos 30 veciños, con case o 50 por cento das casas baleiras (9) e as habitadas cunha media de idade superior aos 70 anos. Caso contrario o de Noicela ou Rebordelos, os lugares máis próximos, que non sufriron esa caída e mesmo recuperaron vivendas novas ocupadas por antigos veciños de Casadelas.

Desexable sería poder fixar máis poboación e máis vida no lugar, pero a queixa da falta de moitos servizos básicos é o motivo máis que xeneralizado dos que aínda quedan e dos que xa se foron. Certo é que Casadelas a duras penas ten cobertura de telefonía móbil e internet, a luz eléctrica sobe e baixa por momentos en función do consumo, depende dun transformador afastado situado a máis de dous quilómetros no Rapadoiro e cunha liña de aluminio descuberto de hai máis de 40 anos, non hai rede de sumidoiros e os cheiros e as ratas campan ás súas anchas, non hai traída de auga pública e os accesos en coche mírese por onde se mire tampouco son unha marabilla.

Todo isto último pode ter arranxo e seguro que o terá, por desgraza, Pura e María xa non. Agora mesmo, Casadelas morre de pena, que D.E.P.

Contorna do Cruceiro de Casadelas no ano 2019, relucente, coa contibución de Pura e María, ou Venera, entre outras veciñas máis. Tan só o cableado afea a instantánea.