Catro persoas feridas tras declararse un incendio nunha nave de maquinaria agrícola en Ponteareas

1 minutes read

Catro persoas tiveron que ser trasladadas ao Hospital Álvaro Cunqueiro por diversas patoloxías tras declararse un incendio nunha nave situada no kilómetro 643 da N-120, en Ponteareas.

O 112 Galicia tivo constancia do suceso ás 14:50 horas deste martes, cando un particular chamou para alertar da presenza de fume que saía do interior da nave. Os Bombeiros de Ponteareas tamén contactaron co 112 Galicia para informar de que se desprazaban ao lugar tras recibir o aviso dun particular.

De inmediato, desde a sala de operacións do 112 Galicia informouse aos Bombeiros do Baixo Miño, á Garda Civil, á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil. Unha vez no punto, os equipos de intervención solicitaron asistencia sanitaria para varios traballadores, polo que se avisou tamén ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Segundo a información recollida polo 112 Galicia, trátase dunha nave duns 70 metros de longo dedicada á venda de material agrícola. O lume iniciouse na zona na que se almacenaban os produtos destinados á venda.

O persoal sanitario confirmou o traslado de catro persoas ao Hospital Álvaro Cunqueiro. O incendio foi completamente controlado, aínda que continuaban activos algúns pequenos focos á última hora da tarde.