As mobilizacións convocadas polo conxunto de organizacións da comunidade educativa saldáronse cunha ampla participación en Carballo e Cee, onde centos de persoas saíron á rúa para defender un ensino público digno e con recursos suficientes.
Profesorado, familias e alumnado participaron de maneira conxunta nas concentracións, nunha mostra de unidade que reforza a loita conxunta iniciada nos últimos meses. Ao longo da xornada, fixéronse visibles numerosas pancartas, cánticos e consignas reivindicativas en defensa da mellora das condicións educativas e do reforzo do sistema público de ensino.
Un dos momentos centrais das mobilizacións foi a lectura do manifesto conxunto, que correu a cargo de representantes de todos os colectivos implicados, simbolizando a unidade da comunidade educativa arredor das principais demandas.
No caso de Cee, ademais, varias persoas fixeron uso do micrófono para expoñer casos particulares que exemplifican as problemáticas que se viven nos centros educativos da comarca, poñendo rostro ás reivindicacións e evidenciando a necesidade de respostas inmediatas.
As concentracións foron convocadas por diferentes ANPAS, a federación provincial de ANPAS da Coruña, FANPO, FAVALMI, FOANPAS, outras federacións comarcais, as propias ANPAS dos centros, as Asembleas Abertas do Ensino Público, sindicatos de profesorado (CIG, CUT, STEG, Solidariedade Obreira e CNT) e organizacións estudantís (Fervenza, Erguer e o Sindicato de Estudantes), así como outros colectivos como AGOEP e NEG.
Desde as Asembleas Abertas do Ensino Público da Costa da Morte valórase moi positivamente a resposta da cidadanía e sublíñase que estas mobilizacións supoñen un novo impulso na loita por un ensino público de calidade, inclusivo e con recursos reais para atender as necesidades do alumnado.