Cerceda estreará en outubro a primeira edición do ‘Cerceda Tapea’ con sabor, tradición e premios

1 minutes read

Cerceda prepárase para unha fin de semana chea de sabor coa celebración do “Cerceda Tapea”, unha ruta gastronómica que reunirá bares e restaurantes das distintas parroquias do municipio. Durante os días 3,4 e 5 de outubro, veciños e visitantes poderán degustar unha ampla variedade de tapas a un prezo popular de 2 euros cada unha.

A cita contará coa participación de establecementos de Cerceda, Queixas, A Silva, Meirama e A Tablilla, que sorprenderán cos seus mellores pratos en formato petisco: desde propostas tradicionais como callos, rabo de touro ou bacallau con patacas ao sal, ata creacións innovadoras como o pan bao con perdiz en escabeche e salsa sriracha, taco de galiña de Mós no seu caldo ou ensalada de lentellas vegana.

Serán A Taberna, Estación, Estanco, O Parque, O Típo Pepe, A Tella, Golán, Morriña, O Panadeiro, Orlando e Pallas.

O evento celebrarase tanto en horario de mediodía (12:00 a 15:00 horas) como de noite (19:00 a 22:00 horas), permitindo que o público poida gozar da gastronomía en diferentes momentos da xornada.

Ademais, cada tapa virá acompañada dun rasca con premios directos, e todos os participantes entrarán en tres grandes sorteos, o que engade un aliciente máis para percorrer os locais e descubrir os sabores de Cerceda.

O “Cerceda Tapea” busca dinamizar a hostalaría local e poñer en valor a riqueza culinaria do municipio, ofrecendo un plan perfecto para gozar en familia ou con amigos.