O Concello de Cerceda únese á celebración das Letras Galegas 2025 cunha programación especial que rende homenaxe á poesía oral popular, eixo central da edición deste ano, e ás figuras locais Rosa e Adolfina Casás, dúas cantareiras emblemáticas do noso municipio, recoñecidas pola súa contribución á tradición oral e musical galega.
Os actos comezarán o venres 16 de maio ás 18:00 horas coa colocación de placas conmemorativas nas vivendas das homenaxeadas, nun xesto simbólico de recoñecemento e memoria. Ese mesmo día, ás 19:00 horas, terá lugar no Auditorio Municipal de Cerceda a representación da obra As Ferreñas, un espectáculo que pon en valor a música tradicional e a forza das mulleres na transmisión cultural.
O sábado 17 de maio, Día das Letras Galegas, ás 11:00 horas celebrarase a inauguración do mural das Cantareiras, seguido da actuación do grupo de pandeireteiras locais A Xunqueira das Encrobas. Ás 12:00 horas, tamén no Auditorio Municipal, desenvolverase a actividade Contacontos As Cantareiras, dirixida a todos os públicos para continuar difundindo a riqueza da oralidade.
O domingo 18 de maio, ás 12:00 horas, será o momento do teatro coa representación da peza “Agora que vén a noite”, dirixida a maiores de 10 anos, tamén no Auditorio Municipal de Cerceda. A programación pecharase o venres 23 de maio ás 19:00 horas cun espectáculo audiovisual titulado “586 Cantos”, que combinará imaxes e música en directo, ofrecendo unha experiencia sensorial que homenaxea a tradición oral a través das novas linguaxes escénicas.
Dende o Concello de Cerceda convidamos a toda a veciñanza e visitantes a participar nesta completa programación, que non só honra a dúas mulleres fundamentais da nosa historia cultural como Rosa e Adolfina Casás, senón que tamén celebra a palabra viva da nosa lingua, transmitida de xeración en xeración coa forza do cariño, como ben di o lema que nos acompaña: “A raíz do toxo prende aínda que sexa no camiño; tamén os teus ollos prenden coa forza do cariño.”