O deporte e a irmandade volven darse a man nun novo desafío sobre dúas rodas. Este sábado, 15 de agosto, cinco ciclistas do club local PC Baikers do Vilán tomarán a saída desde a vila francesa de La Turballe para poñer rumbo á localidade suíza de Delemont nunha nova e esixente «Ruta Ciclista de Irmanamento».
O propósito desta iniciativa é continuar fortalecendo, a través do ciclismo de estrada, a unión e o contacto coas localidades que manteñen vínculos de irmandade co Concello de Camariñas, ao tempo que se promociona a cultura, o turismo e o nome da Costa da Morte a nivel internacional.
Esta expedición supón a continuación natural da aventura iniciada no ano 2023, cando o club completou o traxecto entre Camariñas e La Turballe. Tras viaxar ata Peniche (Portugal) en 2024, os ciclistas retoman agora o punto exacto onde o deixaron en Francia para completar a conexión ata Suíza.
Un destino con gran carga emotiva e tres recepcións oficiais
A elección de Delemont como meta final deste ano non é casualidade. Esta zona de Suíza está profundamente vencellada á sociedade camariñá e á Costa da Morte en xeral, xa que foi e segue sendo o lugar de residencia de numerosas familias do municipio.
A ruta contará con varios momentos institucionais destacados. A aventura comezará cunha saída oficial desde a Casa do Concello de La Turballe este sábado. Durante a penúltima etapa, o pelotón será recibido polas autoridades de Bussang, localidade francesa que tamén está irmandada con La Turballe. Finalmente, tras cruzar a fronteira, os cinco deportistas terán unha gran recepción oficial o xoves 20 de agosto por parte do goberno local de Delemont.
Os detalles do percorrido
Os ciclistas enfrontaranse a un duro reto físico, cunha media duns 160 quilómetros diarios, para sumar un total de 965 quilómetros divididos en 6 etapas:
Etapa 1 15/08/2026 La Turballe (Francia) – Cunault 205 km
Etapa 2 16/08/2026 Cunault – Salbris 195 km
Etapa 3 17/08/2026 Salbris – Juillenay 202 km
Etapa 4 18/08/2026 Juillenay – Vaivre et Montoille 175 km
Etapa 5 19/08/2026 Vaivre et Montoille – Bussang 80 km
Etapa 6 20/08/2026 Bussang (Francia) – Delemont (Suíza) 108 km
Esta viaxe deportiva e cultural está organizada polo PC Baikers do Vilán e conta co apoio e a colaboración imprescindible do Concello de Camariñas, a empresa Salgado Frozen Seafood e a Asociación de Irmanamento La Turballe-Camariñas.