A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de publicar os gañadores do VII Concurso de Podcasts-Radio na Biblio, que convoca en colaboración coa Radio Galega. Oito centros educativos da Baña, Bueu, Cospeito, Ferrol, Laza, Malpica de Bergantiños, Vedra e Vilagarcía de Arousa álzanse cos galardóns deste certame, que nesta edición está dedicado ás cantareiras e á poesía popular oral, ás que se lle rende homenaxe co gallo do Día das Letras Galegas 2025.
Así pois, a través destes traballos, homenaxéase a Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira Santos (Muxía), e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda e mais Manuela Lema Villar –as tres Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños) falecidas hai máis dunha década–, e rememórase á literatura de base popular, sempre unida á música como tesouro patrimonial colectivo.
Os centros participantes presentaron un podcast en lingua galega cunha duración de entre tres e cinco minutos, que podía ser unha entrevista, unha cuña publicitaria, un espazo de noticias, un faladoiro, un recital, un debate ou un programa monográfico, entre outros. O contido debía versar sobre aspectos bio-bibliográficos das mulleres homenaxeadas, a importancia e representación das cantigas populares, a relación entre a literatura e a música e a muller na literatura galega ou as mulleres nas Letras Galegas.
Os centros e traballos galardoados son os recollidos na seguinte táboa:
Categoría | Provincia | Concello | Centro | Podcast |
Ed. Infantil | Ourense | Laza | CEIP O Castiñeiro | O noso son |
1º e 2º de Ed. Primaria | A Coruña | Ferrol | CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira | Esas voces que resoan |
1º e 2º de Ed. Primaria | A Coruña | Vedra | CEIP Ortigueira | Eco do pasado |
3º e 4º de Ed. Primaria | Pontevedra | Bueu | CEIP Plurilingüe da Torre- Cela | Sabichón 2P2 e os misterios. O mundo das cantareiras |
5º e 6º de Ed. Primaria | A Coruña | Malpica de Bergantiños | CEIP Milladoiro | A nosa herdanza |
1º e 2º de ESO | Lugo | Cospeito | CPI Plurilingüe Virxe do Monte | Cultugal |
3º e 4º de ESO | A Coruña | A Baña | CPI de San Vicente | As Letras cantan, e A Baña tamén! |
Outras ensinanzas | Pontevedra | Vilagarcía de Arousa | CEE de Vilagarcía de Arousa | Cantareiras: voces e tradición |
Cada un deles recibe unha asignación de 1.250€ para melloras no laboratorio/emisora de radio ou para actividades relacionadas co funcionamento deste laboratorio de radio, sempre vinculado á biblioteca do centro. Os traballos premiados serán emitidos por Radio Galega e serán difundidos a través da súa páxina web.
Podían participar neste concurso os 220 centros públicos que forman parte do programa Radio na Biblio da Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e FP, así como outros centros que traballan co laboratorio de radio como ferramenta pedagóxica.