Concluíu o Campamento Multideporte na Laracha

1 minutes read

Este venres concluíu o Campamento Multideporte, unha das principais novidades da programación municipal de verán deste ano que se desenvolveu ao longo desta semana, do luns ao venres, no Pavillón Municipal da Laracha. A iniciativa tivo unha excelente acollida entre as familias, completándose as cincuenta prazas ofertadas para nenos de Educación Infantil e Primaria.

Durante as cinco xornadas os participantes combinaron a práctica deportiva con actividades lúdicas e de convivencia, descubrindo disciplinas como baloncesto, voleibol, hockey, rugby, fútbol, balonmán, tiro con arco, pádel, tenis, bádminton, datchball, diferentes deportes alternativos, xogos de auga e unha festa de clausura para poñer o broche final ao campamento.

Ademais de divertirse e compartir experiencias con rapaces do seu mesmo grupo de idade, os participantes tiveron a oportunidade de aprender as nocións básicas de numerosas modalidades deportivas, fomentando ao mesmo tempo hábitos de vida saudables a través da práctica da actividade física.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Deportes, Patricia Bello, visitaron aos participantes para interesarse polo desenvolvemento da actividade e compartir con eles parte da xornada.

O Campamento Multideporte incluíuse este ano por primeira vez na ampla proposta de campamentos que o Concello organiza no verán, unha oferta deseñada para adaptarse aos diferentes gustos e inquedanzas dos rapaces e tamén ás necesidades das súas familias con iniciativas variadas que combinan lecer e aprendizaxe.