A ministra de Defensa, Margarita Robles, confirmou este luns que unha patrulla da Forza Provisional de Nacións Unidas para o Líbano (FINUL), na que se atopaban soldados españois, foi atacada ás seis da mañá por continxentes israelís.
«Os nosos soldados protexéronse e están ben», tranquilizou a ministra de Defensa. «Nós transmitimos a queixa; Nacións Unidas fixo inmediatamente un comunicado de protesta dicindo que era inaceptable e unha vulneración das normas da ONU».
Robles asegurou que, como en tantas outras operacións similares, Israel defendeuse asegurando que se trataba de «un erro» e que abriría «unha investigación». A resposta de Israel chega despois de que a FINUL denunciase onte que, efectivamente, un tanque israelí abrira fogo contra as súas tropas. «Os proxectís impactaron a uns cinco metros das forzas de paz, que se desprazaban a pé e tiveron que refuxiarse no terreo», explicaron as voceiras da ONU.
A FINUL tamén afirmou que estes ataques «constitúen unha grave violación da resolución 1701» de Nacións Unidas, a cal puxo fin á guerra de 2006 entre Israel e o Líbano, estipulando a retirada israelí do país árabe, o despregamento de forzas libanesas e cascos azuis no sur do Líbano e o desarmamento do grupo xiíta libanés Hezbolá.