O Concello de Coristanco, a través do Programa de Conciliación Municipal Xermolar, organiza outro ano máis unha nova edición do Campamento de Nadal, unha proposta pensada para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante as vacacións escolares.
Nesta ocasión, baixo o nome «Un feitizo no bosque», as nenas e nenos poderán desfrutar de actividades culturais, deportivas, recreativas e educativas, combinando a diversión, a aprendizaxe e a convivencia.
O campamento levarase a cabo os días 22, 23, 24, 28, 29, 30 e 31 de decembro de 2026 e 4, 5 e 7 de xaneiro de 2027, no Centro Interxeracional da Rocheira, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Esta iniciativa, dirixida a nenos e nenas de 3 a 16 anos, oferta 30 prazas dispoñibles cun custo de 20 euros por persoa.
As familias interesadas poderán inscribirse, ata o 6 de novembro, a través da sede electrónica municipal ou de xeito presencial no Rexistro Xeral do Concello. Para acceder ao campamento é necesario estar inscrito no Programa Xermolar do curso 2026/2027 e cumprir os requisitos establecidos nas bases reguladoras. Ademais deberá presentarse unha solicitude individual por cada nena ou neno. As bases completas, os requisitos de participación e descarga o formulario de inscrición está dispoñibles na sede electrónica municipal.
Durante as distintas xornadas, a rapazada participante poderá gozar dun programa de actividades que combina xogo, deporte, creatividade e contacto coa natureza, cun enfoque educativo baseado na igualdade, o respecto polo medio ambiente, o uso do galego e a promoción de hábitos de vida saudables.
Desde o Concello de Coristanco destácase a importancia deste tipo de iniciativas, que responden a unha demanda real das familias e que forman parte dunha liña de traballo continuada en materia de conciliación, co obxectivo de facilitar a organización da vida laboral e persoal, especialmente nos períodos vacacionais.
O goberno municipal reafirma así o seu compromiso de seguir impulsando políticas públicas de apoio ás familias, favorecendo servizos que contribúan ao benestar da infancia e á mellora da calidade de vida da veciñanza. Tamén animan a todas as familias que o desexen a participar e desfrutar deste espazo de conciliación, aprendizaxe e convivencia.
