O Concello de Coristanco vén de lanzar É-RURAL, unha nova campaña municipal que busca achegar a tecnoloxía á vida cotiá da veciñanza, fomentando unha dixitalización práctica, inclusiva e adaptada ao ámbito rural.
A iniciativa nace coa vontade de ofrecer ferramentas e formación útil para persoas de todas as idades, especialmente aquelas que desexan aprender a empregar aplicacións, mapas, recursos dixitais e solucións tecnolóxicas que melloren o seu día a día e o coñecemento do territorio.
As primeiras accións chegan da man da Fundación Cibervoluntarios, dentro do seu programa de formacións financiadas pola Unión Europea – NextGenerationEU, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR).
Primeiras actividades en decembro
Durante o mes de decembro, desenvolveranse dúas propostas formativas gratuítas na Aula de Recursos Dixitais da Biblioteca Municipal de Coristanco:
Obradoiro “Apps para o benestar e o lecer dixital”
Do 1 ao 4 de decembro de 2025
De 10:00 a 12:00 h
Nesta actividade, as persoas participantes aprenderán a empregar aplicacións móbiles relacionadas co benestar, exercicio físico, música, cine e series, potenciando un uso consciente e divertido da tecnoloxía.
Obradoiro “Descubre o territorio con Google Maps e aplicacións de rutas”
Do 9 ao 12 de decembro de 2025
De 10:00 a 12:00 h
Esta segunda proposta céntrase en descubrir o potencial das ferramentas dixitais para coñecer mellor o contorno, crear rutas, explorar espazos naturais e aprender a orientarse coas novas tecnoloxías.
En ambos casos, as prazas son limitadas e é preciso inscribirse previamente chamando ao 981 733 280 ou acudindo á Biblioteca Municipal de Coristanco.
En xaneiro continuaremos apostando pola dixitalización
O Concello de Coristanco continuará apostando pola dixitalización da veciñanza o vindeiro ano cunha nova edición do Obradoiro de Manexo de Smartphone, unha formación práctica dirixida a quen desexe mellorar as súas competencias dixitais básicas e aprender a empregar o teléfono móbil para realizar videollamadas, enviar mensaxes, facer fotos ou navegar por internet con seguridade.
O curso, de 20 horas lectivas, desenvolverase en formato intensivo durante 10 días consecutivos, de luns a venres en horario de 10:00 a 12:00 h, e terá un custe reducido de 20 € por participante, grazas á subvención municipal de 30 € por persoa.
Ademais de promover a alfabetización dixital, esta actividade busca loitar contra a soidade non desexada e favorecer a sociabilización, creando un espazo de encontro, aprendizaxe compartida e conexión entre xeracións.
Co obxectivo de achegar a formación a toda a poboación, o programa desenvolverase nas diferentes parroquias do municipio, facilitando o acceso das persoas maiores e de quen teña dificultades de desprazamento. Unha oportunidade perfecta para perder o medo á tecnoloxía, conectar co mundo dixital… e tamén coa comunidade!
Un compromiso co futuro do rural
A través de É-RURAL, Coristanco pretende converterse nun referente de innovación e participación dixital no ámbito rural, demostrando que a tecnoloxía pode ser unha aliada para mellorar a calidade de vida, fortalecer a comunidade e poñer en valor o territorio.
O Concello prevé ampliar a programación nos próximos meses con novas accións centradas na alfabetización dixital, o apoio a asociacións e pequenos negocios locais, e o uso responsable da tecnoloxía.