Coristanco converteuse este días no escenario de posta de largo de ‘Saudade’, o evento da Deputación que reuniu a 13 chefs de todo o estado con máis de 20 estrelas Michelín para poñer en valor o sector agroalimentario local. Segunda e última xornada que pon o foco nos produtos locais da horta, protagonizada por máis dunha quincena de produtores, e na que se desenvolveron actividades como visitas á finca, degustacións, mesas redondas, encontro cos produtores e intercambios de experiencias.
Os recoñecidos chefs Alberto Chicote, Diego Guerrero, Paco Morales, Aitor Arregi, Maca de Castro, Begoña Rodrigo, Andoni Luis Aduriz, Toño Pérez e os galegos Javi Olleros, Xosé Cannas, Manuel Costiña, Lucía Freitas e Pepe Solla foron os participantes deste evento, acompañados durante a xornada de hoxe do vicepresidente, Xosé Regueira; os alcaldes de Coristanco, Juan Carlos García; de Carballo, Evencio Ferrero; da Laracha, José Manuel López Varela; de Cabana, José Muíño; a alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, e a concelleira de Vimianzo, María José Pose.
Entre a diversidade de olores dos produtos e do entorno deron comezo as mesas redondas. A primeira delas sobre ‘Raíces sostibles: Produto, Territorio e Cultura Alimentaria’, na que participaron o chef Paco Morales (3*) e a chef Lucía Freitas (1*), o divulgador científico José Miguel Mulet, e Lucía Calvo, da Despensa D’Lujo. E, a segunnda e última, ‘Facer País: Innovación, Sustentabilidade e Paisaxe Emocional’, cos chefs Maca de Castro (1*), Andoni Luis Aduriz (2*) e Xosé Cannas (2*), a xornalista gastronómica Lakshmi Aguirre, e Senén Barral, responsable do Departamento de Innovación, Infraestruturas e Servizos de Restauración de Inditex.