Coristanco, referencia en produción de pataca e en asistencia de público á súa festa

5 minutes read
Xosé Regueira, concelleiro carballés e vicepresidente da Deputación da Coruña, recibía a Pataca de Ouro deste ano 2026.
  • ‘Os maios’ de Valenza, mellor tractor engalanado da Festa da Pataca de Coristanco 2026.
  • O pregoeiro deste ano, Xosé Regueira, tamén recibiu a Pataca de Ouro desta edición.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, tamén asistía á XLIV Festa da Pataca de Coristanco, na que puxo de relevo a calidade diferenciada das producións agroalimentarias galegas.

Neste sentido, destacou a importancia deste evento, sinalando que foi unha das primeiras celebracións gastronómicas nadas coa vontade de recoñecer unha produción propia. Así, reafirmou a relevancia deste tubérculo, que conta cun distintivo de calidade propio, a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia.

Cabe sinalar que a área de Coristanco, que ademais deste concello inclúe os de Ares e Carballo, é todo un referente na produción de patacas amparadas por esta IXP. Así, a localidade conta cunha superficie de 84 hectáreas distribuídas en 117 parcelas dedicadas á produción deste cultivo; e conta con 18 persoas produtoras.

En total, a IXP conta cunha superficie plantada de 649 hectáreas, ten 85 persoas produtoras e 13 almacenistas. No ano 2025 este selo de calidade comercializou case 6 millóns de quilos de pataca, que acadaron un valor económico estimado de 4,18 millóns de euros.

As autoridades contemplan o desfile infantil_xg.

36 indicativos de calidade

María José Gómez salientou que a produción agroalimentaria galega caracterízase pola súa diversidade, ademais de estar estreitamente vencellada coa calidade diferenciada. A comunidade conta cun total de 36 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, selos aos que cómpre engadir os distintivos de produción ecolóxica e de Artesanía Alimentaria, que son complementarios e contribúen a xerar valor engadido.

Seguindo esta liña, sinalou que o Goberno autonómico mantén unha aposta firme por impulsar a potencialidade da gastronomía galega. Este compromiso maniféstase a través de achegas económicas dirixidas directamente aos consellos reguladores e con iniciativas como o Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, que ten un orzamento de 10 millóns de euros e afonda na promoción destes indicativos.

«Os maios de Valenza», xusto detrás do pregoeiro e Pataca de Ouro deste ano, Xosé Regueira, foi a creación gañadora do primeiro premio do concurso de tractores engalanados deste 2026. Regueira, no pregón, agradecía a invitación feita polo alcalde da vila, Juan Carlos García, e afirmaba que “A pataca de Coristanco non é só un produto. É un pacto entre a terra e o home, cunha gran pureza e sabor neste lugar”.

Xosé Regueira reivindica a pataca como símbolo do país e reclama dignidade e futuro para o medio rural

No seu pregón, Regueira destacou a importancia da pataca como produto ligado á identidade, á cultura e á economía do territorio, e puxo especialmente en valor a calidade da produción de Coristanco e o coñecemento acumulado durante xeracións polas persoas que traballan a terra.

«A pataca de Coristanco non é só un produto. É un pacto entre a terra e o home», afirmou o vicepresidente provincial. «Hoxe non vimos celebrar unha mera festa gastronómica. Vimos erguer un monumento ao que é, sen hipérbole, un dos alicerces silenciosos da nosa existencia. A pataca. Esa pedra preciosa que non brilla, esa raíz que non se ve, ese pan da terra que Galicia abrazou como se o tivese agardado desde sempre».

Regueira salientou a calidade dun produto «que non se cultiva: créase. Cada tubérculo é un pequeno poema de terra e auga, de espera e de esperanza», e referiuse a Coristanco como «unha elección da terra mesma. Aquí o clima húmido e temperado, o solo xeneroso e a man sabia do labrego conspiraron para darlle a esta variedade unha pureza de sabor, unha fariñenta tenacidade, unha memoria de chuvias e nebras que ningunha outra pode imitar».

O vicepresidente da Deputación da Coruña reivindicou tamén o traballo das persoas produtoras e a necesidade de dignificar unha actividade esencial para o futuro de Galicia e de garantir oportunidades no medio rural. «Detrás de cada pataca de Coristanco hai un labrego. Hai mans que se enchen de terra, costas que se dobran, madrugadas que cheiran a orballo e a esperanza. O oficio de producir alimentos non é un oficio menor: é o primeiro de todos os oficios, o que sostén a civilización. Dignificar o labrego é dignificar a nosa propia supervivencia. É dicirlle ao mundo que non todo o valioso se mide en bolsas nin en cotizacións. Que hai unha riqueza que se toca coas mans e se proba coa lingua».

«Non hai futuro digno para Galicia se non hai futuro digno para o medio rural», engadiu, defendendo a importancia de ofrecer apoios e ferramentas que permitan que vivir e traballar no rural sexa unha opción de futuro. «Coristanco non pode ser só un lugar de procedencia: ten que ser un lugar de destino. Un lugar onde criar, onde soñar, onde seguir plantando o que nos sostén»

Regueira recibiu tamén durante a celebración a Pataca de Ouro, un recoñecemento vinculado á Festa da Pataca, que este ano alcanza a súa XLIV edición.

O pregón concluíu cunha reivindicación da terra, do produto local e das persoas que o fan posible: «A intelixencia artificial poderá imitar versos, compor melodías, mesmo deseñar pratos. Poderá calcular, prever, optimizar. Mais nunca, xamais, poderá facer nada tan saboroso, tan cheo de memoria, tan impregnado de chuvia e de sol e de mans humanas como a nosa pataca. Porque a pataca de Coristanco non é só un produto. É un pacto milenario entre a terra e o home. E ese pacto non se programa. Só se vive. Viva a pataca. Viva Coristanco. Viva a terra que nos alimenta e o home que a coida».