Denuncian a parálise do Concello de Muxía na habilitación de prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida

2 minutes read

O BNG urxiu ao Concello a que execute o acordado en pleno en novembro de 2024, cando foi aprobada por unanimidade unha moción da formación nacionalista na que se demandaba a creación destes espazos de estacionamento para a veciñanza vulnerable.

A formación nacionalista indicou que nos últimos meses volveron a insistir na necesidade de actuar, tanto en sesións plenarias como en reunións mantidas coa alcaldía.

 “Solicitamos que se executara dunha vez o aprobado, e ademais que se engadiran prazas de aparcamento temporal para as farmacias e outras de carga e descarga para os negocios”, afirmou a portavoz municipal do BNG, Mercé Barrientos”, que sinalou que “a todo se dixo que si, pero nada se fixo”. 

Barrientos engadiu que “os espazos reservados para aparcar diante do centro de saúde están borrados e son moi necesarios; tampouco hai aparcamentos para persoas con dificultade de mobilidade nos accesos á Casa do Concello e diante das oficinas bancarias, así como nas proximidades de vivendas de persoas que se sabe que necesitan este tipo de espazos”.

“En toda Muxía non hai sitios habilitados para que a xente con mobilidade reducida poida aparcar”, salientou a voceira do BNG de Muxía, que advertiu que “estamos ás portas do verán 2026 e seguen esperando, e a veciñanza e persoas responsables de negocios de hostalaría están enfadados, con toda a razón”.

“Non é comprensible a parálise na execución de algo tan sinxelo e tan necesario”, concluíu Mercé Barrientos.

Lei de accesibilidade

Desde o BNG subliñaron que asociacións como Íntegro que veñen reclamando que se cumpra a Lei de accesibilidade de Galicia, que establece a obrigatoriedade de habilitar prazas de estaciomento permanentes, e o máis cerca posible de pasos peonís, para persoas con mobilidade reducida.

Os nacionalistas lembraron que desde o sector hostaleiro de Muxía estase a demandar que se creen este tipo de espazos preto dos negocios, o que contrubiría a fomentar un turismo inclusivo e sostible.