A Garda Civil detivo a cinco persoas pertencentes a unha rede familiar de tráfico de drogas en Melide e Arzúa que utilizaba un establecemento hostaleiro na primeira das localidades como tapadeira desde a que abastecían a catro comarcas galegas.
Os detidos son un home de 30 anos e a súa parella de 27, ambos veciños de Arzúa; unha muller de 55 anos e outra de 23 anos, de Melide; e un home de 50 anos, de Vilanova de Arousa (Pontevedra), identificado como o presunto provedor da droga.
Todos foron postos ao dispor do Xulgado de Instrución nº 1 de Arzúa, que decretou o ingreso en prisión para un deles e liberdade con cargos para os outros catro.
Na operación, do Equipo ROCA da Garda Civil de Santiago de Compostela en colaboración co Posto da Garda Civil de Melide, realizaron seis rexistros domiciliarios en inmobles e locais vinculados aos investigados.
Durante estas intervencións, incautáronse máis de 180 gramos de cocaína (127 gramos en roca e 42 bolsitas listas para a súa venda cun peso aproximado de 41 gramos); 1,5 quilos de cogollos de marihuana e 22 bolsitas de marihuana dun total de 109 gramos; e catro bolsitas de haxix cun peso de 40 gramos.
Ademais, interviñéronse 37.000 euros en efectivo, 30.000 deles selados e envasados ao baleiro ocultos na tapa dunha persiana; unha báscula de precisión, dous vehículos e cinco teléfonos móbiles, xunto con outros dispositivos electrónicos. Tamén se localizou unha plantación ‘indoor’ de marihuana nunha das vivendas.