O encaixe é unha tradición que non deixa de adaptarse aos novos tempos e ás necesidades que xorden. Así, as palilleiras de Camariñas están a deseñar pezas de encaixe para a súa aplicación nas máscaras, que actualmente son de uso obrigatorio no espazo público.
Estas pezas de encaixe están realizadas polas asociacións locais Puntillas e Rendas e incorporaranse ao catálogo de encaixe existente. O obxectivo é dobre: por unha banda que os deseñadores de moda poidan usalas nos seus deseños e, pola outra, que as palilleiras creen as súas propias máscaras para poñelas á venda nas súas tendas.
A directora da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, Dolores Lema, explicou que “decidimos dar este paso porque moitos deseñadores de moda xa están solicitando pezas de encaixe adaptadas para poder usalas nas máscaras que están a crear”.