Diferentes colectivos participaron en Carballo nun seminario sobre ciberseguridade

2 minutes read

A iniciativa reuniu no auditorio do Fórum Carballo a unha trintena de profesionais de distintos sectores, empresas, persoal municipal e forzas de seguridade. O concelleiro de Innovación, Formación e Emprego, Iván Andrade, abriu o seminario agradecendo a presenza en Carballo de dous expertos de tanto prestixio como a madrileña Ana Páramo e o sevillano Luis Jurado, e convidando ás persoas participantes a tomar boa nota da súa experiencia para intentar atallar un problema que afecta á sociedade no seu conxunto e cada vez a máis veciños e veciñas, tamén en Carballo e na contorna.

A experta en intelixencia, Ana Isabel Páramo, e o avogado penalista especializado en delitos informáticos Luis Jurado, participaron neste Seminario sobre intelixencia empresarial e ciberseguridade organizado pola Concellaría de Promoción Económica.

Ana Páramo centrou a súa intervención na importancia de que as pemes utilicen a intelixencia corporativa, unha ferramenta útil para reducir a incerteza e anticiparse ao futuro. Coñecer as debilidades do sistema, como poden atacar os piratas da rede ou o perigo que supoñen as infeccións nos dispositivos tecnolóxicos das pemes son aspectos fundamentais nos tempos que corren. Pero, segundo datos ofrecidos hai uns días pola secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial, Carme Artigas, só o 59% das empresas de menos de dez traballadores/as dispoñen dalgunha medida de ciberseguridade.

Luis Jurado explicou como se poden previr o ransomware ou o phising, que constitúen os principais delitos informáticos, e neste sentido insistiu na importancia de manter os dispositivos actualizados, de utilizar provedores fiables, ferramentas de protección (antivirus, etc), realizar copias de seguridade, monitorizar as fugas de datos, implementar novos protocolos de comportamento (pregunta de seguridade, sinatura dixital, comprobar os remitentes dos emails…) e insistir na formación do persoal.

A xornada, á que tamén asistiron o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, rematou con moi boa valoración por parte do público.