Nunha conferencia de prensa convocada de urxencia na tarde deste mércores en Santiago de Compostela, apoiado polos altos cargos do seu departamento, Villares dixo que, se se vai, é para renunciar á súa condición de aforado, tras estar investigado por unha presunta agresión sexual, aínda que mantivo a súa inocencia nun caso que enmarca na súa esfera estritamente persoal. Villares explicou que foi este mesmo martes cando recibiu a notificación do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na que se lle deu traslado da súa condición de investigado nun proceso xudicial en base a “unha situación que ocorre na miña esfera estritamente persoal”, concluíu. Pese a súa dimisión, o xa ex-responsable de Mar defendeu a súa inocencia e asegurou que centrará todas “as súas forzas en defenderme onde corresponde, que é no ámbito xudicial”. Villares chegara á Xunta de Galicia en xuño de 2023 en substitución de Rosa Quintana, que abandonou o cargo daquela na administración autonómica para concorrer ás eleccións xerais de xullo dese ano nas listas do PP. Veterinario de profesión, Alfonso Villares, foi alcalde de Cervo durante 16 anos, desde o ano 2007, cando se presentou por primeira vez como candidato á alcaldía dese municipio lucense.
16